Inicio Galicia A Xunta colabora co filme 'María Solinha' que se estrea cun plan...

A Xunta colabora co filme 'María Solinha' que se estrea cun plan inédito de exhibición en formato de cine de rúa e autocine

0

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación da nova longametraxe de Ignacio Vilar incluída nas axudas a producións e coproducións audiovisuais


María Solinha, o novo filme do realizador Ignacio Vilar, chegará á pantalla grande a partir da semana que vén como inicio dun innovador percorrido de estreas en formato de cine de rúa e autocine por diferentes localidades galegas, así como de Castela e León e Portugal. O seu equipo explicouno hoxe na presentación organizada no Auditorio de Cangas pola produtora Vía Láctea Filmes, que contou co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de 2019.

Redondela e Cangas acolleron gran parte da rodaxe do filme durante o pasado verán e serán tamén o escenario das súas dúas primeiras proxeccións públicas os días 19 e 20 de xuño, respectivamente, para as que se contará coa presenza das súas actrices protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez, así como do seu director e doutros destacados integrantes do elenco, como Santi Prego, Antonio Durán "Morris" e Mabel Rivera.

A xira de Maria Solinha continuará desenvolvéndose ata o mes de outubro por diferentes localidades que non dispoñen de sala de cine comercial e onde se levarán a cabo proxeccións ao aire libre, nas que se garantirá tanto as mellores condicións técnicas para a súa exhibición como o control de capacidade e todas as medidas hixiénico-sanitarias necesarias. A seguinte cita co filme será no autocine de Verín, onde o 21 de xuño se celebrará un pase solidario a favor das familias con menos recursos afectadas pola pandemia do Covid-19.

Valor engadido á estreaDeste xeito, Vía Láctea Filmes modificou o seu plan de estrea en salas convencionais, previsto inicialmente para o pasado mes de maio, para se adaptar ao novo contexto provocado polo Covid-19. Na presentación que tivo lugar este mediodía, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, subliñou precisamente esta capacidade de reacción do equipo de Ignacio Vilar para "facer da necesidade virtude" e deseñar un plan inicial de distribución en formato de cine de rúa e autocines, totamente innovador en Galicia, perfectamnete compatible cos protocolos sanitarios e que, "lonxe de mermarlle valor á estrea, a dota de maior relevancia e penetración social".

Sutil subliñou igualmente os valores artísticos do novo traballo de Igancio Vilar: "Unha longametraxe galega, rodada en galego e integramente en localizacións galegas, cunha temática que afonda na nosa cultura, pero levándoa a categorías universais que a fan susceptible de proxección exterior, e que aborda dun xeito distinto, establendo paralelismos entre o pasado e presente, aspectos en permanente atención como a situación da muller, a desigualdade ou a inxustiza social", asegurou. A historia que narra este filme arranca cando un afamado director de teatro chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha, unha viúva rica acusada de bruxería pola Inquisición a principios do século XVII. Os seus intérpretes serán os propios veciños da comarca, que se embarcan nesta aventura con paixón. Mais o teatro e a realidade comezarán a mesturarse de tal maneira que as protagonistas chegarán a experimentar nas súas carnes os ecos da agresión que sufriu a María Solinha orixinal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre