Inicio Galicia A Xunta colabora co concello do Irixo para a constitución dunha agrupación...

A Xunta colabora co concello do Irixo para a constitución dunha agrupación de xestión forestal conxunta coa que se recuperarán máis de 170 hectáreas

0

Esta figura contemplada na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria persegue a explotación e aproveitamento conxunto dos terreos forestais buscando tanto beneficios económicos como sociais e medioambientais

O conselleiro do Medio Rural, José González, supervisou esta tarde os traballos de limpeza que se están levando a cabo na aldea modelo de Trabazón, no concello ourensán do Irixo. Na visita tamén se deu conta dos avances na constitución dunha agrupación de xestión forestal conxunta no municipio que recuperará máis de 170 hectáreas.

O conselleiro destacou que esta figura contemplada na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia atende a varias recomendacións da Comisión parlamentaria forestal, creada tras os lumes de 2017. Así, persegue a mobilización e posta en valor de terreos forestais para a súa explotación e aproveitamento conxuntos mediante unha xestión sustentable e multifuncional. Deste xeito, os beneficios resultantes serán non só económicos senón tamén sociais e medioambientais.

José González salientou que ata o momento só podían ser agrupacións de xestión conxunta as sociedades mercantís pero agora poden selo ata as asociacións sen ánimo de lucro. Con isto búscase facilitar o asociacionismo na xestión da terra para, entre outras cousas, poder recuperar os soutos tradicionais de castiñeiros.

O conselleiro aproveitou a visita para supervisar os traballos de limpeza que se levan a cabo na aldea modelo de Trabazón, unha das 11 figuras deste tipo declaradas en toda Galicia, oito delas na provincia de Ourense. O titular de Medio Rural puxo de relevo que esta medida foi posible grazas a que se puxeron de acordo unha trintena de propietarios do Irixo, cun total de 220 parcelas que se dirixirán a gandaría en extensivo, principalmente. González tamén resaltou a iniciativa dos proxectos piloto de polígonos agroforestais, cos que está previsto recuperar unhas 4.100 hectáreas en toda Galicia. No caso de Ourense actuarase en Cualedro, no Carballiño ou en Oímbra.

Na visita ao Irixo o conselleiro tamén puxo en valor o Plan de pastos, ao que se pode sumar calquera concello galego que o desexe. De momento, prevé recuperar case 200 hectáreas de pasteiros na provincia de Ourense e máis de 2.000 en toda a comunidade.

A maiores, o conselleiro do Medio Rural tamén aproveitará a visita a este concello ourensán para manter un encontro co alcalde, Manuel Cerdeira, e con membros do sector agrario da zona para abordar distintas cuestións de actualidade. Alí, lembrará que permanecen abertas varias convocatorias de achegas para o sector. No eido da produción, aínda se poden solicitar as axudas da PAC, así como as destinadas a apoiar os plans de mellora, a incorporación de mozos ao agro e o desenvolvemento de pequenas explotacións. Tamén permanecen abertas as convocatorias dirixidas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais e as subvencións para a prevención dos danos causados por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre