Inicio Galicia A Xunta colabora co Clúster de Turismo de Galicia nun servizo de...

A Xunta colabora co Clúster de Turismo de Galicia nun servizo de consultoría a empresas do sector para adaptarse á covid-19

0

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación do programa “Turismo 100×100”, no que o Goberno galego inviste 150.000 euros cos que axudar ás pemes e autonómos a minimizar o impacto económico derivado do coronavirus

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación do programa de asesoramento e consultaría en liña dirixido ao sector turístico “Turismo 100×100”, ao que o Goberno galego destina 150.000 euros no marco do convenio asinado co Clúster de Turismo de Galicia. Ao acto tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. O acordo recolle a posta en marcha deste programa que permite axudar ás pemes e autónomos do sector adaptarse ás medidas esixidas pola covid-19 e a minimizar o impacto económico derivado da crise sanitaria.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou ”o traballo do sector na adaptación á situación derivada da crise sanitaria coa implantación de tódalas medidas de prevención, o que contribúe a facer de Galicia un destino seguro e a reactivar a actividade turística mantendo tódalas garantías sanitarias”. Nesta liña, apelou á unión co sector a través da colaboración co Clúster de Turismo de Galicia en proxectos coma este como o camiño a seguir para que Galicia poida ofrecer un turismo seguro e de calidade tamén no escenario actual.

A día de hoxe, son máis de 50 empresas as que se interesaron por Turismo 100×100, desde aloxamentos de diversa tipoloxía a axencias de viaxe, pasando por restaurantes, adegas, empresas náuticas, pazos de congresos, salas de eventos ou empresas de turismo activo. Nestes intres xa hai 27 servizos en marcha, centrados principalmente en áreas como a planificación estratéxica ou o marketing dixital.

Trátase dun servizo personalizado e gratuíto que ofrece asesoramento técnico especializado por parte de expertos do Clúster e do departamento de consultaría do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG). Cada empresa pode optar a un total de 5 sesións de 2 horas cada unha, nas que os técnicos lle proporán solucións relacionadas co ámbito que lle interese: planificación estratéxica, finanzas, recursos humanos, marketing e vendas, novas tecnoloxías, así como a resolución de problemas legais, fiscais e laborais.

O programa “Turismo 100×100” inclúese no Plan de reactivación do sector cultural e turístico, que conta cun investimento da Xunta de 58 millóns de euros. En concreto, no marco das medidas orientadas a reforzar a formación, a competitividade e a innovación nas empresas turísticas. Ao abeiro deste Plan tamén se inclúe o programa Galicia Destino Seguro, dotado con 8 millóns de euros, para promocionar os valores que diferencian a comunidade como destino fiable e de calidade co obxectivo de que turistas e peregrinos visiten Galicia con confianza.

Tamén conta con medidas dirixidas aos profesionais do sector turístico, aos que a Xunta facilita manuais que recollen todos os protocolos hixiénico-sanitarios para todo tipo de establecementos e actividades, cursos gratuítos e certificados sobre a prevención ante a covid-19, ademais de asesoramento en materia de seguridade sanitaria para adecuarse á situación actual e apoio da Xunta aos establecementos para que poidan implantar as medidas de prevención necesarias.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre