Inicio Galicia A Xunta coincide cos traballadores de Alu Ibérica en que a solución...

A Xunta coincide cos traballadores de Alu Ibérica en que a solución pasa por que o Goberno asegure un prezo eléctrico competitivo e a empresa presente un plan industrial solvente

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse esta mañá cos representantes do comité de empresa de Alu Ibérica, aos que volveu trasladar o apoio da Xunta


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá un encontro co comité de empresa de Alu Ibérica, no que coincidiron en sinalar que a solución pasa por que o Goberno asegure un prezo eléctrico competitivo e a empresa presente un plan industrial solvente.

O conselleiro amosou a súa decepción co Goberno do Estado que está demostrando “deslealdade e falta de respecto, non dando resposta nin solución á situación das empresas electrointensivas da Comunidade, como é o caso de Alu Ibérica ou Alcoa en San Cibrao”. Do mesmo xeito, destacou que se está “utilizando a transición enerxética como escusa para abandonar a industria e o emprego”.

Conde pediu ao Goberno que deixe a política de xestos e pase á acción executando medidas concretas. Neste sentido, insistiu en que a Xunta e os traballadores levan tempo reclamando un prezo estable e competitivo a través dun Estatuto para consumidores electrointensivos que teña en conta as propostas de Galicia, xa que son o único modo posible de blindar o emprego e garantir o mantemento da actividade industrial tanto en Alu Ibérica como no resto do ecosistema electrointensivo de Galicia. “Cremos que Galicia merece outro trato por parte do Goberno e que aposte pola industria e polo emprego. A Comunidade non merece esta falta de resposta que pode abocar ao paro a 5000 traballadores galegos vinculados á industria electrointensiva”, subliñou.

O conselleiro tamén instou á empresa a presentar canto antes o seu plan industrial, ante todas as partes e nunha mesa convocada polo Goberno, un plan que debe entregar por escrito achegando un compromiso explícito e con transparencia. Conde volveu trasladar que a Xunta está ao carón dos traballadores e das súas familias, sobre todo neste difícil momento de reactivación económica no que é necesario apostar pola unidade e o compromiso. Por iso, reiterou que, para evitar o peche de Alu Ibérica e recuperar a produción de aluminio primario, o Goberno debe abandonar a súa estratexia de desindustrialización de Galicia e asegurar un prezo eléctrico competitivo, mentres que a empresa debe presentar un plan solvente e con garantías. De cumprirse estas premisas, ambos os dous contarán co apoio de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre