Inicio Galicia A Xunta cofinancia con 190.000 euros dez dos principais festivais de artes...

A Xunta cofinancia con 190.000 euros dez dos principais festivais de artes escénicas de Galicia

0
image_gallery.jpg

A Consellería de Cultura e Turismo publica na web da Agadic a adxudicación desta convocatoria de axudas, que flexibilizou as súas bases como unha das medidas de apoio ao ámbito escénico do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico


Dez das principais mostras de teatro e danza de Galicia son as beneficiarias en 2020 das subvencións da Xunta a festivais profesionais de artes escénicas, de acordo coa adxudicación publicada hoxe pola Consellería de Cultura e Turismo na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Entre elas, distribúense os 190.000 euros cos que se dotou a convocatoria deste ano, na que se introduciron unha serie de modificacións como parte das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.

A través da adaptación e flexibilización destas bases, búscase facilitar as condicións de celebración destes certames no actual contexto provocado pola pandemia, que na meirande parte dos casos obrigou á reformulación das programacións e dos formatos inicialmente previstos. Nestes momentos, estanse a desenvolver dúas das citas subvencionadas: a 42ª Mostra de Teatro Galego de Cariño, adxudicataria de 14.162 euros, e o Festaclown de Vilagarcía de Arousa, de 8.580 euros; mentres que a 37ª Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que tivo lugar o pasado mes de xullo, recibe preto de 36.996 euros.

A semana que vén dará comezo en Ourense o 10º festival Corpo(A)Terra de danza, ao que se lle conceden 11.440 euros, mentres que o resto das mostras adxudicatarias teñen prevista a súa celebración nos vindeiros meses: 29º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, con 40.704 euros; 25º Festival Internacional Galicreques de Santiago de Compostela, con 24.987 euros; Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), con 18.953 euros; Festival das Núbebes de Pontevedra, con 14.826 euros; 21º Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo, con 10.360 euros, e 31º Festival de Teatro Galego ‘Celso Parada’ do Carballiño con 8.986 euros.

Contribúese así ao mantemento destas citas, tendo en conta ademais o seu carácter estratéxico para o sector das artes escénicas na nosa Comunidade. Neste sentido, a convocatoria de axudas a festivais de 2020 impulsou a presenza de formacións galegas nos carteis, que este ano debe supoñer un mínimo do 60% da contratación profesional artística do encontro ou do total das actuacións profesionais que ofreza, porcentaxe que o ano pasado se situaba no 20% e no 30%, respectivamente. Estableceuse, así mesmo, un aumento porcentual do orzamento que poden subvencionar os encontros a través destas subvencións, que se eleva ata o 70% (85% no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais ou de entidades resultantes de fusión) fronte ao 50% de 2019.

A flexibilización das bases estendeuse tamén ao mínimo de representacións con entrada de pago, que pasa do 50% de 2019 ao 30% da presente convocatoria, porcentaxe que non é tida en conta para os festivais de rúa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre