Inicio Galicia A Xunta chega a un acordo cos afectados polas expropiacións do Gran...

A Xunta chega a un acordo cos afectados polas expropiacións do Gran Montecelo e permite unha prórroga na data de desaloxo

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que a previsión inicial é que no mes de marzo sexa publicada a licitación da obra, para que sexa xa adxudicada neste primeiro semestre


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá unha xuntanza cos afectados polas expropiacións para a construción do Hospital Gran Montecelo, onde chegaron a un acordo na data de desaloxo, que pasa a ser o vindeiro 15 de xuño.

O titular da Vicepresidencia acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que a prórroga inicial vencía este mes de febreiro e que a Administración, con este acordo tenta darlle as máximas facilidades posibles aos afectados, mantendo ao mesmo tempo, os prazos iniciais de licitación e adxudicación.

A previsión inicial é que no mes de marzo sexa publicada a licitación da obra, para que sexa adxudicada neste primeiro semestre e dea comezo no segundo semestre, polo que os afectados polas expropiacións poderán permanecer nas súas vivendas e negocio ata os 15 de xuño. “É fundamental conxugar a necesidade de dispor dos terreos con tentar causar os mínimos prexuízos posibles”, rematou Rueda.

Esta prórroga nos desaloxos non afecta aos prazos da obra de construción do Gran Montecelo, que se manteñen invariables, e segundo palabras do Vicepresidente, “esta obra é fundamental para a sanidade de Pontevedra pero non nos pode facer esquecer que hai cidadáns afectados polas expropiacións e mentres estas prórrogas de desaloxo non afecten ao inicio da obra, os afectados poderán permanecer nas súas vivendas e nos seus negocios”.

O Gran Montecelo conta cun investimento de 170 millóns de euros, dos cales a maior parte, ou sexa, 115 millóns de euros son para a construción do novo edificio, 30 millóns son para equipamento médico e 25 millóns para a reforma do edificio actual.

Segundo avanzou Alfonso Rueda, o novo hospital contará con habitacións máis cómodas e amplas, das cales un 60% delas van ser individuais dun 20 metros cadrados cada unha, e as habitacións dobres terán arredor de 30 metros cadrados. “Poñeranse en marcha novos servizos, como UCI pediátrica, oncoloxía radioterápica e mediciña nuclear”, indicou o vicepresidente.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre