Inicio Galicia A Xunta chama á igualdade e á responsabilidade empresarial como catalizadores da...

A Xunta chama á igualdade e á responsabilidade empresarial como catalizadores da mellora na competitividade do tecido produtivo e como xeradores de emprego de calidade

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Ourense no Foro Anual polo Diálogo Transfronteirizo, centrado no sector téxtil


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Ourense no Foro Anual polo Diálogo Transfronteirizo, un encontro centrado no sector do téxtil, e que serviu para presentar os resultados do proxecto de Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo (GEMCAT).

Este proxecto enmárcase no Programa de Cooperación Territorial Transfronteirizo para España Portugal 2014-2020, no que participan o goberno luso e varias Comunidades Autónomas –incluíndo Galicia-, e busca a cooperación institucional para desenvolver un mercado laboral baseado no crecemento intelixente, sostible e integrador. O obxectivo é coordinar e aproximar políticas públicas que permitan fomentar un emprego de calidade, implicando a autoridades, institucións e interlocutores sociais.

Conde fixo fincapé na vontade de colaboración da Administración galega co norte de Portugal en materia de modernización das relacións laborais, potenciando unha alianza estratéxica co goberno luso que permita trasladar solucións de igualdade e sustentabilidade ao ámbito transfronteirizo, garantindo así melloras na competitividade.

Neste eido, o titular de Economía, Emprego e Industria salientou o Acordo polo Diálogo Social asinado a semana pasada pola Xunta, a Confederación de Empresarios e os sindicatos UGT e CCOO. Este acordo contempla a necesidade de inculcar medidas que fomenten a igualdade, a transformación dixital, a transición enerxética e a inclusión de cláusulas sociais para a contratación pública no tecido produtivo, de modo que garantan un compromiso común pola innovación e pola sustentabilidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre