Inicio Galicia A Xunta chama a fixarse no legado da Xeración Nós para marcar...

A Xunta chama a fixarse no legado da Xeración Nós para marcar o rumbo da cultura galega de cara ao futuro

0

Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego traballa nunha ampla programación que inclúe unha mostra itinerante e un congreso internacional

Os conselleiros en funcións de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, xunto co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, participaron hoxe na homenaxe que a XII Festa da Palabra lle rendeu a Xeración Nós coincidindo co seu centenario. Trátase dun acto que tivo lugar na Insua dos Poetas, na localidade ourensá do Carballiño, e que serviu tamén para entregar os premios Insua dos Poetas aos sete galardoados nesta ocasión.

Na súa intervención, Román Rodríguez destacou a importancia da Xeración Nós na construción do legado cultural de Galicia e celebrou que iniciativas como a levada a cabo na Ínsua dos Poetas contribúan a poñer en valor a súa relevancia “e a non esquecer de onde vimos para marcar o noso rumbo de cara ao futuro”. “Cómpre recoñecer e actualizar o legado da Xeración Nós porque foi un grupo de intelectuais clave no desenvolvemento de Galicia e no ensanchamento das nosas fronteiras culturais”, afirmou.

Así mesmo, o conselleiro en funcións avanzou que desde a Xunta de Galicia estase a traballar nun amplo abano de actividades que conmemoren o centenario da Xeración Nós dun xeito amplo e inclusivo. “A nosa intención é que todo o mundo se poida sumar a esta conmemoración e que, como non pode ser doutro xeito, Ourense ocupe un lugar especial nesta celebración”, avanzou Román Rodríguez antes de explicar que o Goberno galego traballa na mostra Galicia, de Nós a nós e no Congreso Internacional da Cultura Galega que se celebrará en Ourense e servirá para actualizar o legado da Xeración Nós e analizar os retos e desafíos do século XXI.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou que o seu departamento asinará un convenio coa Fundación Insua dos Poetas para subvencionar o proxecto senlleiro de posta en valor da cultura rural a través do legado etnográfico da Xeración Nós, orientado á mellora da estrutura e infraestrutura do territorio co obxectivo de fortalecer o desenvolvemento do rural galego.

Premiados na edición deste anoTanto Román Rodríguez como José González felicitaron a todos os galardoados nesta data e congratuláronse do feito de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, un lugar extraordinario no que a literatura dialoga coas artes plásticas e coa natureza.

Os premios entregados na edición deste ano recaeron na profesora Pilar García, no Cineclub Carballiño e na cantautora Ses. Ademais, tamén se recoñeceu a labor da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña e da Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, de Río de Janeiro, que preside Regina Jallas. O grupo de premiados este ano complétase cos sanitarios e da Residencia Integrada dos Milagros, en Baños de Molgas, e co presentador Xosé Manuel Piñeiro.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre