Inicio Galicia A Xunta celebrará o 25 de outubro a terceira edición do 'Climathon...

A Xunta celebrará o 25 de outubro a terceira edición do 'Climathon Galicia' co reto de cambiar a sociedade en lugar do clima

0

Trátase do maior movemento participativo a nivel mundial sobre cambio climático


A Xunta de Galicia unirase por terceiro ano consecutivo ao Climathon, o maior movemento participativo a nivel mundial para buscar e propoñer solucións ao fenómeno do cambio climático. O Centro de Estudos Avanzados de Santiago acollerá o próximo 25 de outubro a edición galega dun evento que se celebrará de forma simultánea en todo o mundo.

Deste xeito, Galicia súmase ás máis de 120 cidades pertencentes a medio cento de países que xa teñen confirmada a súa participación nesta iniciativa, apoiada pola Organización das Nacións Unidas e a Unión Europea. Trátase dun auténtico maratón de 12 horas continuadas traballando en equipo, buscando ideas innovadoras na loita contra o cambio climático e onde todos os participantes, tanto cidadáns como institucións, se converterán nos auténticos protagonistas.

Como cada unha das edicións anteriores, Climathon Galicia 2019 centrarase en debater sobre unha temática ou reto específico, que no caso deste ano xirará arredor do seguinte tema: Cambiemos nós e non o clima.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DXCACC), será a encargada de organizar o evento, unha oportunidade para xerar un diálogo aberto, inclusivo, participativo e transparente arredor do tema proposto e fomentar á vez o intercambio de ideas para cumprir coas metas fixadas a medio prazo en materia de cambio climático e tamén cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable –os chamados ODS- da Axenda 2030 de Nacións Unidas.

Neste sentido, durante esta terceira edición desde a DXCACC quere dárselle unha especial relevancia ao ODS número 13, centrado na Acción polo Clima, e ao obxectivo número 17, relacionado coa formación de alianzas para acadar os obxectivos. Para facilitar a procura de ideas innovadoras que catalicen un cambio no noso comportamento, os participantes contarán co asesoramento de expertos na materia, así como de talleres en grupo, charlas e debates con expertos invitados.

Son moitas as accións que se poden levar a cabo no día a día para contribuír á redución das emisións globais pero co Climathon se busca non só dar a coñecer esas accións, senón impulsar o cambio de comportamento necesario por parte da sociedade para obter resultados.

Neste sentido, e aínda que o perfil de asistentes nas dúas edicións anteriores se correspondía maioritariamente con estudantes universitarios, investigadores e emprendedores, o evento está aberto ao público en xeral e o prazo de inscrición non remata ata o 24 de outubro ou esgotar as prazas. Nesta ligazón pódese consultar toda a información actualizada sobre o programa e cubrir a ficha para poder participar.

Unha iniciativa xurdida en 2015Cómpre lembrar que o movemento Climathon naceu no ano 2015 como unha iniciativa lanzada polo EIT Climate-KIC, a comunidade europea de Innovación e Coñecemento (Knowledge Innovation Commnunity -KIC-) co apoio do Instituto Europeo de Tecnoloxía, órgano da Unión Europea que traballa para acelerar a transición para unha economía libre de emisións de carbono.

O seu obxectivo inicial foi xerar un diálogo participativo a nivel internacional que permitira compartir historias, construír empatía e tomar decisións para o ben común con relación ao cambio climático. Desde aquela primeira edición, este evento logra reunir simultaneamente cada ano a un número cada vez maior de cidades e países de todos os continentes, unidos pola preocupación común polo cambio climático.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre