Inicio Galicia A Xunta celebra un workshop sobre materiais hixiénico-sanitarios innovadores ante a covid-19

A Xunta celebra un workshop sobre materiais hixiénico-sanitarios innovadores ante a covid-19

0
image_gallery.jpg

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe neste encontro, que se inscribe nas actividades da Materioteca de Galicia


A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, abriu hoxe a xornada en liña titulada Materiais hixiénico-sanitarios, organizada pola Materioteca de Galicia no marco do Programa de Deseño para a Innovación, ante máis de vinte empresas, departamentos universitarios e deseñadores.

Argerey apuntou que este encontro responde á necesidade de facilitar a hixienización de espazos públicos e de evitar a transmisión da covid-19 por contacto con virus e bacterias depositadas en superficies. Con este obxectivo, presentouse unha selección das actuais novidades no ámbito dos materiais hixiénico-sanitarios que se están comercializando a nivel internacional, recompilados pola empresa especializada na I+D+i de materiais Materially.

A directora de Gain sinalou varios casos de éxito neste ámbito que se están a desenvolver en Galicia como o material antimicrobiano mediante adición de nanopartículas de prata da empresa Nanogap ou os tecidos que inhiben activamente os virus, matan as bacterias e purifican o aire de Style VTX, empresa do grupo británico Style con fábrica en Tui.

Por último, Argerey inscribiu esta actividade nas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia en resposta á pandemia por coronavirus co fin de acompañar e estimular ás empresas e centros de coñecemento no desenvolvemento de solucións innovadoras, nun contexto no que a I+D+i se ten demostrado máis necesaria ca nunca. Entre estas actuacións, destacou a aceleradora Connect-19 que está impulsando a comercialización de 20 produtos e solucións para reducir o impacto social e económico da pandemia.

Pola súa parte, Unai Etcheverría e Iker Aguirre, da empresa Materially, presentaron diferentes casos nos que o deseño de produto xerou novos conceptos e solucións para paliar a crise sanitaria. Ademais, identificaron aqueles materiais que contribúen a crear espazos e produtos máis seguros e saudables desde o punto de vista hixiénico-sanitario. Cun enfoque eminentemente práctico, proporcionaron aos asistentes información sobre os fabricantes de ditos materiais e tecnoloxías.

Sobre a Materioteca de GaliciaA Materioteca de Galicia é unha iniciativa do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia e está situada en Ferrol, no CIS Tecnoloxía e Deseño. O seu obxectivo é dinamizar a implantación dos materiais innovadores nas empresas galegas a través do deseño.

Recentemente, acaba de publicar unha páxina web propia a través da que se difunden os diferentes materiais realizados en Galicia e que se van incorporando á Materioteca. Así mesmo, está en marcha un Certame de Materiais Innovadores de Galicia, cuxa inscrición se pode realizar ata o 24 de febreiro, que ten como obxectivo identificar e promocionar os materiais máis innovadores desenvolvidos recentemente por empresas e centros de coñecemento galegos.

Así mesmo, celebrouse nas últimas semanas un Ciclo de Materiais para o Futuro, onde se abordaron temas como a impresión 3D, materiais para o sector do contract ou a presentación de tendencias en deseño de materiais a través da cor e o acabado superficial (metodoloxía CMF).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre