Inicio Galicia A Xunta celebra os 75 anos de Fundiciones Rey como un exemplo...

A Xunta celebra os 75 anos de Fundiciones Rey como un exemplo de compromiso territorial, cultural e social

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vilagarcía de Arousa no acto de aniversario da compañía arousana, á que sinalou como “un exemplo de éxito dentro da historia industrial galega”

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vilagarcía de Arousa no acto do 75º aniversario da siderúrxica Fundiciones Rey, no que salientou o éxito da fórmula da compañía arousana, respectando o modelo familiar desde hai xa 4 xeracións, e no que celebrou a súa contribución á economía galega. Un éxito, sinalou Conde, que se debe ao esforzo dos seus traballadores e á tenacidade das súas consignas.

Segundo o conselleiro, o segredo da lonxevidade acadada por Fundiciones Rey reside en catro puntos fundamentais: na diversificación, pasando de pequenos obxectos de bronce ao sector naval ou ao eido artístico; na formación, entendendo a aprendizaxe do seu persoal como o mellor investimento para o crecemento da compañía; a innovación, mellorando os procesos e produtos en colaboración con Aimen ou coa siderúrxica Mondragón; e a internacionalización, abrindo novos mercados máis aló do nacional, que inclúe, por exemplo, unha delegación en Perú. Estes catro elementos, asegurou Conde, constitúen a base dunha competitividade que, en palabras do conselleiro, “debe ser tomada como exemplo para inculcar ao resto de compañías galegas”.

Do mesmo xeito, Conde felicitou á compañía polo seu compromiso para coa cultura galega, nunha aposta de mecenado que se remonta ás orixes da siderúrxica, e que foi evolucionando durante os últimos 75 anos coa presenza en importantes espazos públicos de Fundiciones Rey (colaborando con creadores como Leopoldo Nóvoa, Francisco Leiro ou Alfonso Vilar), e en cidades como A Coruña, co selo da siderúrxica como parte do mobiliario urbano. Deste xeito, a empresa arousana inclúe, entre as actividades de conmemoración desta efeméride, un libro que repasa a súa historia dentro de Galicia, e unha exposición percorrendo o máis significativo da arquitectura galega contemporánea.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre