Inicio Galicia A Xunta celebra o Día Internacional do Voluntariado cun encontro entre participantes...

A Xunta celebra o Día Internacional do Voluntariado cun encontro entre participantes galegos nos campos de voluntariado

0

Durante o 2019 ofertáronse nesta iniciativa da Campaña de verán un total de 482 prazas para galegos, das que 160 eran para accións en Galicia, 108 noutra comunidade e 195 no estranxeiro


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta tarde no encontro con participantes galegos nos campos de voluntariado deste 2019 que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela con motivo do Día Internacional do Voluntariado.

Cristina Pichel moderou unha mesa redonda na que distintos participantes nesta iniciativa dentro de Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro compartiron as súas experiencias e fixo entrega dos certificados en educación non formal.

Durante o encontro tamén tomou a palabra a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella trala proxección da curta Coma min moitas, producida no campo de voluntariado Un rural de cine: a muller é vida de Cerdedo-Cotobade. López Abella destacou a importancia deste tipo de iniciativas, que promoven a concienciación e sensibilización sobre a igualdade no conxunto da sociedade e, nomeadamente, en ámbitos tan sensibles como a mocidade e o rural. O número total de prazas ofertadas para participantes galegos nos campos durante este ano foi de 482, das que 160 foron en accións voluntarias dentro de Galicia, 108 noutra Comunidade Autónoma e 195 no estranxeiro. Os que se realizaron na comunidade galega ofreceron unha ampla variedade de contidos desde o coidado medioambiental, cultural, arqueolóxico, audiovisual ou accións no ámbito social. En total, a Campaña de verán da Xunta de Galicia ofreceu 643 prazas en campos de voluntariado realizados en Galicia, 40 máis con respecto ao ano 2018. As prazas distribuíronse en 30 campos, dous máis que no ano 2018, en quendas de 12 días. Como novidade, incluíronse como destinos os concellos do Grove, Ribeira, Manzaneda, Riós e, por vez primeira, realizouse un campo de voluntariado intermunicipal nos concellos de Boqueixón e Vedra. Esta actividade enmárcase dentro da Semana do Voluntariado que o Goberno galego vén conmemorando con motivo da celebración este xoves do Día Internacional do Voluntariado. Así, cada día ten lugar unha actividade en promoción da acción voluntaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre