Inicio Galicia A Xunta celebra cinco obradoiros e unha exposición na Biblioteca Pública Antonio...

A Xunta celebra cinco obradoiros e unha exposición na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra na programación do mes da ciencia en galego

0

As actividades arrancan este venres co evento creativo ‘Precine’, a cargo de Raquel Queizás, e terán continuidade ao longo de todo o mes de novembro

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai celebrar, ao longo de novembro, cinco obradoiros creativos e unha exposición na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra no marco da programación do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.

Esta actividade, que se desenvolve de xeito paralelo na rede pública das sete cidades galegas, está orientada especialmente ao público infantil e xuvenil -a partires dos 6 anos- e ten como obxectivo sensibilizar á cativada sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica. Cómpre sinalar tamén que todos os eventos contan co correspondente protocolo de protección fronte á Covid-19 para complementar a seguridade sanitaria existente nas bibliotecas galegas.

A programación de Pontevedra arrancará este venres, 6 de novembro, co obradoiro creativo Precine, a cargo de Raquel Queizás, que dará comezo ás 18,00 horas e que permitirá aos asistentes coñecer os inicios do cinema e deseñar os seus primeiros debuxos animados e xoguetes ópticos. Como todas as demais actividades, e por cuestións de aforo e seguridade sanitaria, é precisa unha inscrición previa gratuíta a través do número de teléfono 886 159 249 entre as 9,00 e as 14,00 horas.

Polo demais, o resto dos obradoiros serán O xogo de Ender da man de novos científicos (13 de novembro); Pon a túa mellor cara con Jorge Valenciano (19 de novembro); Entre libros e xabóns a cargo de Reviravolta (20 de novembro); e CinemaKids con Juan Juste (27 de novembro). Todos eles terán lugar no espazo de actividades da planta baixa.

Paralelamente, e ata o día 30 de novembro, a Biblioteca Antonio Odriozola tamén acollerá, ao abeiro deste Mes da Ciencia en Galego, a exposición Unha viaxe espacial moi especial: centro de interese sobre o espazo, que se poderá visitar na sala infantil de luns a venres en quenda de mañá e tarde e os sábados entre as 10,00 e as 14,00 horas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre