Inicio Galicia A Xunta busca situarse na vangarda do uso das novas tecnoloxías coa...

A Xunta busca situarse na vangarda do uso das novas tecnoloxías coa nova Lei de Administración dixital de Galicia

0

O conselleiro de Facenda presentou hoxe no Parlamento o proxecto de lei, que dotará á Xunta dun marco legal estable en materia de administración electrónica


O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia, coa que se busca situar a Administración na vangarda do uso das novas tecnoloxías, de xeito que faga “de tractor da sociedade e da economía”, e que sexa capaz de “adaptarse de maneira áxil ás novas demandas”, argumentou.

O titular de Facenda defendeu tanto a necesidade como a utilidade deste proxecto de lei, posto que as tecnoloxías da información e da comunicación, en particular internet, “xogan un papel cada vez máis relevante na sociedade”. De feito, lembrou que o 96,1% dos cidadáns ten teléfono móbil, un 50% fai uso das redes sociais e un 45% emprega a banca electrónica.

Valeriano Martínez engadiu que son catro os obxectivos que busca esta lei. Por un lado, quérese dotar á Xunta dun marco legal estable que, desde a perspectiva transversal, permita dar coherencia á actuación global en materia de administración electrónica. Ao mesmo tempo, búscase establecer legalmente, dentro do marco normativo xeral en materia de administración, os principios reitores da intervención pública das Administracións Públicas.

En terceiro lugar, a norma ofrecerá unha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos a través dos cales os cidadáns e as empresas se relacionan coa Administración autonómica. Por último, perséguese acadar un contexto normativo “global e coherente” para incentivar o investimento público neste eido, tendo en conta que dota da seguridade xurídica necesaria xerar confianza no sector “confirmando a aposta decidida da Administración autonómica no desenvolvemento das TIC”, sinalou.

Neste marco único, Valeriano Martínez dixo que se busca o de “só unha vez”, evitando reclamar ao cidadán datos que xa ten a Administración; a proactividade, empregando a información que ten a Administración para prestar servizos persoalizados e adiantarse ás necesidades do cidadán; e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente. Por todo isto, a prioridade será “consolidar unha administración integramente dixital” e “universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais”, apuntou.

O conselleiro lembrou que esta lei chega á Cámara precedida de consenso, cunha consulta pública a través do Portal de Transparencia da Xunta antes de elaborala, así como da súa información e exposición pública durante o proceso de tramitación.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre