Inicio Galicia A Xunta busca mellorar a efectividade dos procesos de transferencia de coñecemento...

A Xunta busca mellorar a efectividade dos procesos de transferencia de coñecemento ao tecido empresarial a través da formación de especialistas

0

Bota a andar o primeiro curso do Programa de Acreditación RTTP 2019 – 2021 dirixido a xestores de transferencia, que se enmarca no programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, deu a benvida a un grupo de xestores de transferencia que participan durante toda esta semana no primeiro curso do Programa de Acreditación Registered Technology Transfer Professionals (RTTP) 2019-2020, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza en colaboración coa Fundación Barrié.

O obxectivo deste programa, que se prolongará ata 2021, é -en palabras de Argerey- “proporcionarlles formación para mellorar as súas competencias e habilidades prácticas nos procesos de valorización e comercialización dos resultados da I+D e ofrecerlles soporte para a preparación do dossier necesario para obter a certificación internacional RTTP”. “Desde Gain estamos convencidos de que un factor clave para mellorar a efectividade dos procesos de transferencia é contar cun tecido profesional formado por persoas altamente cualificadas para levar adiante estes procesos”, apuntou a directora de Gain.

Este programa de acreditación súmase ao curso de capacitación en transferencia e emprendemento que se celebrou a semana pasada dirixido a persoal investigador e a outras actuacións que se engloban na iniciativa Ignicia de transferencia de coñecemento e que inclúen accións no ámbito financeiro, co programa de Proba de Concepto; formativo, como estes cursos, estancias internacionais, visitas e titorización de expertos internacionais; metodolóxico, como o proxecto piloto sobre avaliación de preliminar de resultados; e analitico, como a realización de estudos para monitorizar a situación da transferencia en Galicia.

Programa de acreditación para xestores de transferenciaO curso “Transferencia de tecnoloxía: da teoría á práctica” que arrincou onte forma parte do programa de acreditación Registered Technology Transfer Professional (RTTP), un itinerario de desenvolvemento profesional como xestores de transferencia que ademais conta con recoñecemento internacional, a acreditación RTTP. Este é un estándar que acredita a competencia e experiencia daqueles profesionais que desenvolven a súa carreira no ámbito da transferencia de coñecemento e tecnoloxía, promovido pola alianza internacional de asociacións de transferencia ATTP (Alliance of Technology Transfer Professionals).

O curso ao que asisten máis de 50 persoas en total en dúas modalidades separadas en función da experiencia previa dos xestores -júnior e sénior-, está sendo impartido por titores de Oxentia, a compañía de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford creada en 2004. Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Fundación Barrié para reforzar a súa colaboración no impulso á transferencia do coñecemento ao mercado, poñendo en valor os resultados da investigación e favorecendo o seu aproveitamento por parte do tecido empresarial, o que redundará no desenvolvemento económico e social de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre