Inicio Galicia A Xunta blinda o sistema educativo galego cun investimento de 162M? para...

A Xunta blinda o sistema educativo galego cun investimento de 162M? para atender as necesidades xeradas polo contexto covid

0

O conselleiro explicou que a meirande parte do esforzo orzamentario, en concreto preto de 94 M€, destínanse a recursos humanos, o que inclúe o reforzo de 2.300 novos profesores

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a investir un total de 162 millóns de euros no sistema educativo galego co fin de atender as necesidades derivadas do contexto covid nos centros durante este exercicio. Trátase dun importante esforzo orzamentario da sociedade galega que –segundo explicou o conselleiro Román Rodríguez no Parlamento– concéntranse sobre todo no reforzo do profesorado, na dotación de recursos tecnolóxicos, no reforzo das medidas de seguridade e hixiene nos centros e no apoio dos servizos complementarios.

Así, a meirande parte do esforzo orzamentario absórbea a dotación de recursos humanos, con case 94 millóns de euros que inclúe a contratación de máis profesorado; seguido da dotación de equipamentos necesarios no escenario covid (como a dotación tecnolóxica, a instalación de elementos de seguridade e a realización de obras, entre outros) ao que se destinan 43,5 millóns de euros; e a atención e reforzo de servizos como o comedor escolar ou a limpeza entre outros, cun orzamento de 25 millóns de euros.

Na súa comparecencia a petición propia ante o Pleno parlamentario, Román Rodríguez deu conta de todas as medidas implementadas polo seu departamento para atender o “reto” de iniciar a actividade lectiva presencial coa máxima “normalidade dentro da excepcionalidade dun curso atípico”, e que pasa pola dotación dos recursos materiais e humanos necesarios.

Precisamente para garantir o ensino presencial en todas as etapas educativas, o Executivo autonómico executou a contratación de 2.300 profesores a maiores para este curso, o que supón un incremento do cadro de persoal docente ante a covid do 7,6% con respecto á plantilla inicialmente prevista.

A partida de 94 millóns de euros de recursos humanos é a de maior impacto económico do departamento de Educación para este curso escolar. Isto permite, entre outros aspectos, a contratación de máis de 1.300 docentes para atender desdobres e incremento de oferta, e outros 1.000 exclusivamente para o reforzo do alumnado máis vulnerable, “co obxectivo de que ninguén quede atrás”, subliñou o titular de Educación. Cómpre destacar tamén que do total, 1.100 son novos profesores para as etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

Dotación de recursos tecnolóxicosOutro dos principais esforzos inversores céntrase na dotación de recursos tecnolóxicos nos centros, á que se destinan arredor de 9,4 millóns de euros a través do Plan de Continxencia para o ensino non presencial e semipresencial. Este Plan inclúe a posta a disposición do alumnado preto de 55.000 dispositivos en réxime de préstamo para este curso, 34.000 deles a través do programa E-Dixgal e outros 20.000 ordenadores máis dirixidos ao alumnado máis vulnerable.

O obxectivo deste Plan é, segundo explicou o conselleiro, facilitar a opción da semipresencialidade en Bacharelato e FP a aqueles centros que opten por esta modalidade, ao tempo que facilitar o mantemento da calidade educativa nos escenarios nos que haxa que pasar a un ensino non presencial. “Trátase –en palabras do conselleiro– de anticiparse e estar preparados para dar resposta nun curso excepcional con todas as ferramentas tecnolóxicas e recursos formativos necesarios para a activación do ensino á distancia se fora necesario”.

O Plan inclúe medidas dirixidas ao alumnado (como a dotación de equipamento e a ampliación dos contidos E-Dixgal a 3º e 4º de ESO), ao profesorado (con medidas formativas para aproveitar as aulas virtuais dos centros), aos centros (con formación específica para a xestión e organización do ensino non presencial e semipresencial) e ás familias (con información a través do espazo web Volvamos á escola con sentidiño e da app AbalarMóbil).

Principio de seguridade e vontade de diálogoO conselleiro afirmou ter asumida “a tarefa urxente” de impulsar a planificación do curso escolar guiado polos principios básicos de “seguridade, calidade e equidade” e apostando pola coordinación e o diálogo constante con todas as partes implicadas.

Nesa vontade “de escoitar e afrontar un traballo conxunto” enmárcanse todas as reunións de traballo levadas a cabo nas últimas semanas cos membros da comunidade educativa (Consello Escolar de Galicia, directores, asociacións de pais e nais, organizacións sindicais, representantes de colectivos de atención á diversidade,…) e coas distintas administracións (Goberno do Estado, outras CCAA e sesións con outros departamentos autonómicos como a Consellería de Sanidade ou a Amtega), así como a creación do Comité Educativo como órgano asesor do Goberno galego en materia educativa no contexto da covid-19 para medidas de carácter organizativo sempre sometidas para o aval do Comité Clínico.

Transferencia de fondos ás universidadesNo que atinxe ao eido universitario, Román Rodríguez anunciou que o seu departamento vai transferir xa “de forma inmediata” ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) os 3 millóns de euros de fondos propios para facerlles fronte aos gastos extraordinarios deste inicio de curso; ao tempo que sinalou que se está “en plena negociación” para transferirlles tamén unha porcentaxe dos fondos comprometidos polo Goberno central para a loita contra a covid-19.

O conselleiro gabou a “planificación e colaboración” levada a cabo entre a Xunta de Galicia e as universidades para o desenvolvemento dun curso que está discorrendo “sen incidencias importantes”. Destacou tamén a anticipación de Galicia cun traballo “impulsado antes do verán” cun plan de continxencia e cos plans de prevención e control sanitario de cada universidade que fixo que “non se xerasen alarmas” pese ás intervencións do ministro de Universidades.

Recoñecemento ao alumnado, familias e docentesO conselleiro aproveitou a súa intervención parlamentaria para expresar o seu “recoñecemento” e o de “todo o Goberno galego” pola “colaboración e comprensión” aos alumnos, ás familias e aos docentes, dos que destacou a “responsabilidade e a prudencia” demostrada neste contexto excepcional. Subliñou tamén o “grande esforzo” de todos os equipos directivos para adaptar os seus centros ás medidas organizativas previstas no protocolo de adaptación ao contexto covido-19 no ensino galego.

Así, comprometeuse a exercer todas as súas competencias “na defensa dos intereses do alumnado galego” e a seguir traballando no “reto de país” que supón a formación das novas xeracións, apostando por un sistema educativo que “é unha ferramenta de calidade, fundamental para a cohesión social, e para xerar igualdade de oportunidades”. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre