Inicio Galicia A Xunta axiliza e amplía as axudas aos galegos do exterior para...

A Xunta axiliza e amplía as axudas aos galegos do exterior para dotalos de maior respaldo económico ante a crise do coronavirus

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro telemático coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas


O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, vén de anunciar aos galegos do exterior os mecanismos que está a artellar o Goberno galego para dotarlles de recursos que lles axuden a afrontar con garantías a actual crise derivada da pandemia do coronavirus.

Rueda, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro telemático cos membros da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, o órgano de representación dos galegos do exterior, a través dunha videoconferencia na que lles adiantou as medidas tomadas ata o momento e coñeceu máis de preto a situación que están a vivir nos diferentes países e continentes con maior presenza galega. Trátase da segunda xuntanza virtual que mantén o Executivo autonómico con este órgano consultivo, que xa celebrou un primeiro encontro presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado 22 de abril.

O vicepresidente do Goberno galego trasladou, así, aos membros da Comisión Delegada a decisión do Consello da Xunta de seguir tramitando as Axudas Económicas Individuais, o que permitirá á Secretaria Xeral da Emigración axilizar a súa resolución para dotar de recursos aos galegos que residen no exterior e se atopan en situación de necesidade. O obxectivo desta medida é reducir o impacto que a pandemia do coronavirus ameaza con deixar neste sector da poboación galega un dos máis vulnerables.

O Executivo autonómico autorizou, así mesmo, a continuidade das axudas que a Secretaría Xeral da Emigración destina a contribuír a financiar os gastos de funcionamento dos centros galegos no exterior, que o departamento dirixido por Miranda incrementará nun 50%. Este aumento pretende colaborar coas entidades dedicadas á difusión da cultura e tradición galegas situadas fóra da comunidade, a paliar a falta de ingresos que están a experimentar por mor do peche das súas sedes e a suspensión das súas actividades presenciais, así como a suspensión das cotas dos socios en moitos dos casos.

Axudar a detectar os casos de máis necesidadeAlfonso Rueda agradeceu aos galegos do exterior a rede de solidariedade que forman nos diferentes países nos que hai poboación galega, fundamental para detectar os casos de galegos que se atopan nunha situación de necesidade fóra das nosas fronteiras. Agradeceu o seu labor e reafirmou o compromiso da Xunta con todos eles.

Miranda, pola súa banda, amosou a “preocupación coa que o Goberno galego está a seguir a evolución do coronavirus nos diferentes países con poboación galega, e salientou a importancia de adiantarse ás súas consecuencias para poder previla”.

Consello de Comunidades GalegasTrala renovación da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas en decembro de 2019, o órgano da emigración está integrado polo Centro Cultural y Deportivo Valle Miñor de Montevideo (O Uruguai), a Asociaçao Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago de Salvador de Bahía (O Brasil), a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires (A Arxentina) e a Sociedad Cultural Rosalía de Castro de La Habana (Cuba) por América; o Centro Cultural de Cuxhaven (Alemaña), o Centro Gallego de Londres (O Reino Unido), o Centro Gallego de Lisboa (Portugal) e a Asociación "As Xeitosiñas" de Zurich (Suíza), por Europa; e o Centro Gallego de Salamanca, o Lar Gallego de Sevilla, o Centro Gallego de Castellón, "O Aturuxo", e a Unión de Asociaciones Gallegas de Cataluña (Augalcat) por España. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 socios.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre