Inicio Galicia A Xunta avoga por un emprego inclusivo, igualitario e xusto que incremente...

A Xunta avoga por un emprego inclusivo, igualitario e xusto que incremente ao mesmo tempo a competitividade do tecido produtivo

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Teo na terceira edición dos Premios de Economía Social que promove Cegasal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado polo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Teo na terceira edición dos Premios de Economía Social, que promove a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), uns galardóns que recaeron nos periodistas Abeta Chas e Xabier Martiñá, nos supermercados DIA e dúas administracións: a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, e o Concello de Arzúa.

Conde felicitou aos galardoados e a Cegasal polas súas dúas décadas de traballo na defensa das persoas con capacidades diferentes para acadar unha Galicia máis igualitaria e máis xusta e indicou que apostar por un emprego inclusivo, como é o caso de Cegasal, incrementa a competitividade do tecido produtivo. Tamén agradeceu o labor dos preto de 1400 traballadores con capacidades diversas que forman parte de Cegasal, que amosan o importante que é centrarse nas habilidades que cada un ten e o traballo dos medios de comunicación, do tecido empresarial e das administracións porque son imprescindibles para que a inclusión se converta nunha realidade e nun éxito colectivo.

O titular de Economía, ademais, apuntou que a diversidade é un dos piares fundamentais sobre os que construír a forza laboral dunha empresa nun contexto no que a dixitalización está cambiando a forma de traballar e ofrecendo novas oportunidades.

Así mesmo, resaltou a importancia de concienciar ao tecido empresarial como ao conxunto da sociedade sobre este aspecto e defendeu a necesidade de que as administracións públicas sigan ofrecendo apoios e deseñando medidas que faciliten contar cunha Galicia máis xusta. No caso da Xunta, traballa, a través da Axenda 20, no impulso da creación de emprego de calidade coa prioridade de incorporar a todos os galegos e galegas ao mercado laboral, sen excepcións. “Se avanzamos xuntos e na mesma dirección o camiño cara a inclusión será máis doado”, concluíu.

Pola súa banda, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que recolleu a distinción outorgada á Xunta, puxo en valor a aposta da Consellería de Cultura e Turismo por contribuír á economía social coa contratación de servizos turísticos que apoian a integración efectiva de todos os homes e mulleres. "Este é un compromiso que sabemos que o sector turístico tamén sente seu", explicou. Neste sentido, tamén puxo de manifesto o compromiso da Xunta por ofrecer una acollida sen barreiras aos millóns de viaxeiros que chegan acada ano a Galicia, a través de ferramentas como o Plan de Accesibilidade Turística co que a Comunidade avanza cun turismo comprometido coa igualdade real de oportunidades.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre