Inicio Galicia A Xunta avoga por un diálogo social que impulse un modelo produtivo...

A Xunta avoga por un diálogo social que impulse un modelo produtivo competitivo e sustentable adaptado aos novos tempos

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coa CEG, CCOO e UGT sobre o diálogo social para fixar os temas das mesas e a metodoloxía de traballo


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), CCOO e UGT sobre o diálogo social para fixar os temas a impulsar, así como a metodoloxía de traballo. Á xuntanza, á que se convocaron á patronal e ás principais centrais sindicais de Galicia -a CIG declinou participar nesta iniciativa- acudiron Antonio Fontenla, representante da actual Xunta de Vicepresidentes da CEG; José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT Galicia; e José Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia.

Na primeira xuntanza acordouse os temas para iniciar o proceso: as cláusulas sociais, a modernización das relacións laborais, as políticas activas de emprego, a igualdade entre homes e mulleres e a transformación tecnolóxica e o emprego do futuro. Por cada grupo de traballo técnico elaborarase un documento que se proporá para o seu consenso e posterior sinatura.

Conde apelou a un diálogo social co foco posto no impulso dun modelo produtivo xerador de emprego de calidade e que sexa competitivo e sustentable e que poida atender aos cambios económicos e sociais que están xurdindo pola dixitalización do traballo. Así, apostou polo inicio do diálogo social como un proceso de estímulo á economía e á creación de emprego de calidade.

Para o titular de Economía, a prioridade ten que ser a eficacia e a axilidade co fin de poder pechar acordos prácticos que se poidan poñer en marcha nun tempo razoable. Así, indicou que a negociación ten que orientarse a presentar propostas concretas e realistas que supoñan un avance e que beneficien a todas as partes. Conde apuntou que neste momento de cambios tecnolóxicos e de novas tendencias na economía é preciso a cooperación entre interlocutores sociais e a Administración, engadindo, ademais, que é un momento que ten que verse como unha oportunidade para alcanzar acordos. Afirmou, así mesmo, que é necesario dar un paso máis e “recuperar a confianza e o valor do diálogo como instrumento impulsor e de desenvolvemento da economía e do emprego”.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre