Inicio Galicia A Xunta avoga por potenciar as vocacións científicas entre as nenas e...

A Xunta avoga por potenciar as vocacións científicas entre as nenas e mozas para rachar coa fenda de xénero neste ámbito

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron hoxe na mesa redonda “Muller e Ciencia”


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participaron hoxe na mesa redonda “Muller e Ciencia” no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

López Abella reivindica nesta data a promoción das vocación STEM – ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e matemáticas- entre as nenas e as mozas para eliminar a fenda de xénero que persiste nestes estudos.

Tamén apelou a romper cos estereotipos de xénero nestes sectores e avogou pola educación tanto para fomentar a igualdade entre mulleres e homes, como para inspirar a participación das mulleres e nenas na ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

A secretaria xeral da Igualdade sinalou a necesidade de integrar a perspectiva de xénero na educación e, en concreto, no eido científico. Así, a Unidade de Muller e Ciencia recoñece desde 2007 ás mulleres destacadas na ciencia en Galicia co Premio María Josefa Wonenburguer. Segundo López Abella, desta forma, buscase facer chegar á sociedade as contribucións á ciencia e á tecnoloxía feitas polas mulleres galegas que se adiantaron ao seu tempo e abriron o camiño a moitas outras.

A este obxectivo tamén contribúe o proxecto “Nin+Nin-, Iguais” que, desde o ano pasado, favorece o encontro de mulleres senlleiras líderes na súa actividade profesional para que o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria teña referentes femininos en distintos sectores laborais onde aínda non hai paridade de xénero .

López Abella indicou que esta iniciativa pretende concienciar a cada alumno de que pode ser o que queira ser. E resaltou que, ata o de agora, participaron nestas charlas 8 mulleres referentes galegas -entre elas 3 premios Wonenburger- en 13 centros educativos e acudiron un total de 1.521 alumnos e alumnas.

Pola súa parte, a directora da Axencia Galega de Innovación, fixo fincapé na baixa presenza de mulleres no ámbito da innovación empresarial, sobre todo nos sectores de media e alta tecnoloxía, e fixo fincapé na aposta por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as nenas, e, por outro lado, na aplicación de medidas correctoras nas convocatorias de axudas á I+D+i para propiciar un escenario de equidade. Entre estas medidas, apuntou incentivos á contratación de mulleres nos programas de talento, vantaxes para as empresas que conten cun plan de igualdade ou que incorporen a Investigación e a Innovación Responsable nos seus proxectos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre