Inicio Galicia A Xunta avoga por integrar o talento diverso nos cadros de persoal...

A Xunta avoga por integrar o talento diverso nos cadros de persoal das empresas e alcanzar a inclusión plena dos cidadáns con capacidades diferentes

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou hoxe na Coruña o Foro Inserta Expansión

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou esta mañá na Coruña o Foro Inserta Expansión, promovido pola Fundación ONCE, onde destacou a necesidade de que o tecido empresarial, galego integre nos seus cadros de persoal o talento diverso para conseguir a inclusión plena dos cidadáns con capacidades diferentes.

Na súa intervención, o conselleiro explicou que todas as capacidades suman e que contar con talento diverso enriquece e complementa o punto de vista empresarial mellorando a súa competitividade. Na busca dunha Galicia integradora, xusta e equitativa onde todos e cada un dos galegos se sintan iguais e coas mesmas oportunidades laborais, a Xunta traballa tanto no eido da sensibilización da sociedade e do mundo empresarial como no deseño de medidas que respondan ás necesidades tanto das compañías como do colectivo das persoas con capacidades diferentes.

Neste sentido, desde o comezo desta lexislatura a Consellería de Economía, Emprego e Industria está destinando unha media de 40 millóns de euros anuais ao fomento da inclusión laboral tanto no eido da formación, da contratación e do autoemprego como da orientación.

Conde lembrou que a Xunta conta con programas específicos como as liñas de apoio aos centros especiais de emprego ou o programa Galicia Emprega que este ano impulsará a contratación de 180 persoas con capacidades diferentes. O conselleiro tamén avanzou que proximamente se porá en marcha formación dual específica para este colectivo que beneficiará a 80 persoas ofrecendo emprego e formación adaptada no propio posto de traballo a través dun investimento de 3 millóns de euros nos próximos tres anos.

O conselleiro convidou aos presentes a unir capacidades, coñecementos e medios para dar resposta ás demandas da sociedade e situar a Galicia á cabeza deste reto social. Insistiu en que alcanzar a inclusión plena é un obxectivo no que todos os axentes da sociedade deben traballar e cooperar para lograr medidas efectivas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre