Inicio Galicia A Xunta avoga pola sensibilización e a formación para previr a violencia...

A Xunta avoga pola sensibilización e a formación para previr a violencia sexual nas mulleres e nenas con discapacidade

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, explicou hoxe no Parlamento galego que a Xunta, en colaboración coa asociación Acadar, conta cunha guía para axudar a tomar conciencia sobre a violencia sexual neste colectivo, facilitar a detección dos feitos e ofrecer pautas de actuación


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe no Parlamento galego a importancia da sensibilización e a formación para visibilizar e previr situacións de violencia sexual cara ás mulleres e nenas con discapacidade.

Para contribuír a erradicar posibles casos de violencia sexual sufrida por este colectivo e acabar coa súa invisibilización, a Xunta, presentou o pasado marzo a guía “Violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade”, que elaborou en colaboración coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar).

Coa publicación desta guía creouse unha ferramenta que está a axudar a tomar maior conciencia da posibilidade de sufrir violencia por parte de mulleres e nenas con discapacidade, axudando así á súa prevención, á vez que facilita a detección de calquera forma de abuso contra a liberdade sexual destas mulleres e ofrece pautas de actuación. Desta forma, dáse continuidade á guía publicada en 2016, tamén polo Goberno galego e Acadar, baixo o título “Violencia contra as mulleres con discapacidade, ver e recoñecer os sinais”.

Na súa intervención, López Abella incidiu en que a violencia sexual é unha das formas máis descoñecidas e invisibles, o que supón que en moitos casos a violencia se perpetúe no tempo ao normalizar estas situacións por descoñecemento. Nesta liña, explicou que os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual supoñen un gran desafío para a súa erradicación, sobre todo nos grupos máis invisibilizados e vulnerables como é o caso das mulleres e nenas con discapacidades.

A secretaria xeral da Igualdade sinalou que é preciso o compromiso das administracións e a sociedade para recoñecer a existencia desta realidade e intervir na súa erradicación. Por iso, lembrou que Galicia é pioneira no recoñecemento da violencia sexual e dos abusos sexuais como unha forma máis de violencia de xénero, segundo recolle a Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A Xunta cre tamén na necesidade de promover unha educación baseada na igualdade e que acepte a diversidade, así como achegar unha educación sexual cara ás posibles persoas agresoras co fin de eliminar a crenza de posuír o dereito de atentar contra os dereitos sexuais dos demais. Ademais, avoga por facilitar información e coñecemento positivo para acadar a conciencia, a aceptación e a vivencia satisfactoria da propia sexualidade diferenciando e impedindo estes delitos.

Programa DeladeiraDa colaboración entre o Goberno galego e a asociación Acadar tamén destaca o Programa Deladeira, un servizo especializado en información e asesoramento afectivo-sexual destinado ás persoas con discapacidade. A iniciativa conta coa unidade específica Querelar, dedicada á detección e identificación de situacións contra a liberdade e a indemnidade sexual.

A Xunta financia a través dun convenio de colaboración con Acadar o mantemento deste servizo. O acordo, renovado o pasado outubro, supuxo un investimento de máis de 40.000 euros este ano por parte da Administración autonómica. Grazas a esta aportación, leváronse a cabo durante o último cuadrimestre deste exercicio un total de 30 actividades, tanto de intervencións individuais a mulleres con discapacidade como accións formativas dirixidas a profesionais e ás familias. Máis de 1.290 persoas beneficiáronse do Programa Deladeira desde a súa posta en marcha en 2017.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre