Inicio Galicia A Xunta avoga pola cogobernanza co sector de cara a articular políticas...

A Xunta avoga pola cogobernanza co sector de cara a articular políticas que satisfagan os seus intereses e as súas necesidades

0

Isabel Concheiro recordou o papel do Consello Galego de Pesca para establecer canles de participación e mecanismos de diálogo entre a Administración e o sector

A Xunta avoga pola cogobernanza co sector de cara a articular políticas que verdadeiramente satisfagan os seus intereses, as súas necesidades e contribúan a solucionar os seus problemas. Así o reiterou a secretaria xeral da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.

Para este cometido nos procesos de toma de decisións, a secretaria xeral técnica recordou o papel do Consello Galego de Pesca, o órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Xunta en asuntos de pesca, marisqueo e acuicultura, a través do que se establecen canles de participación e mecanismos de diálogo entre a Administración e o sector xa que “non se pode xestionar o mar sen pescadores e sen mariscadores”, sinalou Isabel Concheiro.

Neste senso, a secretaria explicou que nos últimos dous anos o Pleno do Consello Galego de Pesca reuniuse en nove ocasións, constituíu cinco grupos de traballo e aprobou diversos ditames que foron remitidos ás institucións comunitarias coa finalidade de que se tiveran en conta as demandas de Galicia na defensa dos seus intereses marítimo-pesqueiros.

Leer más:  Cierran la Playa de As Catedrais este jueves por el fuerte temporal

A secretaria xeral técnica tamén respondeu a unha pregunta relacionada coas pensións dos mariñeiros da Asociación Long Hope. Alí lembrou que a cuestión da reclamación das súas pensións compete ao Goberno central, cuestión que limita moito as posibilidades de actuación da Xunta. Non obstante, insistiu en que desde a Xunta sempre se amosou a sensibilidade con este colectivo ao considerarse que estes mariñeiros teñen todo o dereito a percibir a pensión de xubilación por ter exercido a actividade pagando os seus impostos. Por iso e para que puidesen loitar polos seus dereitos, recordou Isabel Concheiro, a Consellería do Mar ofreceulle ao colectivo a sinatura dun convenio por importe de 70.000 euros para sufragar os gastos derivados das xestións para defender os seus dereitos ante a xustiza, unha colaboración que a mesma Asociación rexeitou.

Confraría de CarrilA directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, respondeu a unha pregunta sobre a problemática xurdida na confraría de Carril pola cobertura de permisos de explotación vacantes a través da lista de reserva. Nela recordou que a Xunta exerce a tutela sobre as confrarías de Galicia en materias de dereito administrativo, mentres que para o resto das actividades de natureza privada están suxeitas ao dereito privado e á regulación establecida nos seus estatutos.

Leer más:  Interceptan a un conductor que se dio a la fuga en Culleredo (A Coruña) tras colisionar con tres coches

Neste sentido, Susana Rodríguez explicou que o problema xurdido en relación coa cobertura de vacantes na confraría, proposto pola propia entidade no seu plan de explotación, non entra dentro das funcións de tutela da Xunta. Non obstante, a directora xeral recordou as múltiples reunións mantidas cos responsables da confraría e dos colectivos para tratar de encamiñar e solucionar os problemas xurdidos e tamén lembrou que a Consellería do Mar interveu ata en 11 ocasións nos últimos dous anos para abordar asuntos da confraría de Carril.

Reparto da cota da sardiñaEn relación a unha pregunta sobre o reparto de cota da sardiña para o xeito, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, trasladou a súa preocupación pola situación do stock da sardiña ibérica nas augas do Cantábrico e de Fisterra cara ao sur. Neste sentido, recordou que a Xunta traballou desde o primeiro momento na elaboración do Plan de xestión da sardiña e na súa modificación e segue a participar anualmente na fixación de cotas e límites de captura para tratar de manter aberta a pesquería e de xestionar da mellor maneira posible a sardiña dispoñible.

Leer más:  Alerta amarilla en toda la costa gallega este viernes por oleaje

Así, a directora xeral incidiu en que tras a aprobación do Plan pola Comisión Europea, “falar de reparto inxusto e de situación vantaxosa acadada por Portugal é non coñecer en absoluto a situación previa”. Neste senso, recordou que, no caso do xeito, a redución é proporcional á do resto da frota, pero a porcentaxe asignada ao xeito é superior á primeira asignación.

Campaña do polboEn resposta a unha pregunta sobre a campaña do polbo, trasladou que as capturas superaron as 1.300 toneladas e a facturación rozou os 12,5 millóns de euros, unha cifra superior aos case 11 millóns de euros facturados na campaña 2015-2016, “considerada unha boa campaña”, lembrou.

Ademais, Mercedes Rodríguez sinalou que “se temos en conta as vendas totais da frota despachada a polbo durante todo o ano, a maioría da frota está en números por riba da media dos tres últimos anos”. A maiores, explicou que a frota de artes menores galega é unha frota polivalente xa que as embarcacións poden empregar outras artes con cambios temporais.


- Te recomendamos -