Inicio Galicia A Xunta avánzalle á Fegamp a próxima convocatoria de axudas para que...

A Xunta avánzalle á Fegamp a próxima convocatoria de axudas para que os concellos de menos de 50.000 habitantes elaboren plans de emerxencia ante a seca

0

Concederanse axudas de 15.000 euros a cada concello coa fin de financiar o 80 do custo de elaboración do Plan de emerxencia, o que pode completarse con axudas doutras administracións


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, na que lle avanzou a próxima convocatoria de axudas para que os concellos de Galicia de ata 50.000 habitantes poidan dotarse de plan de emerxencia ante situacións de seca.

Concederanse axudas de 15.000 euros a cada concello coa fin de financiar o 80 do custo de elaboración do Plan de emerxencia, o que pode completarse con axudas doutras administracións.

Estes plans, que son obrigatorios para os concellos de máis de 20.000 habitantes e recomendables para o resto, permitirán realizar unha primeira auditoría sobre o estado das redes de abastecemento para identificar as posibles debilidades. Trátase, sinalou Ethel Vázquez, dun instrumento básico de planificación para xestionar os posibles episodios de seca, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Os plans, tal e como subliñou, posibilitan identificar de antemán os indicadores que permitan anticiparse a estas situacións e o mellor xeito de paliar os seus efectos.

Na xuntanza, a conselleira e a directora de Augas de Galicia abordaron co presidente da Fegamp os diferentes temas de interese común en relación coa xestión da auga nos municipios, especialmente no relacionado co abastecemento de auga potable.

Vázquez Mourelle salientou a necesidade de estar preparados para adaptar os sistemas de abastecemento e poder garantir auga en calidade e cantidade, sinalando a vontade da Xunta de axudar aos concellos neste camiño, chamando tamén á colaboración das deputacións provinciais.

Referiuse así ao anteproxecto de lei de garantías de abastecemento, un proxecto que ten como obxectivo reducir a vulnerabilidade ante os períodos de seca e garantir a calidade da auga. E para iso, dixo, precísanse medidas a curto, medio e longo prazo, que son as que veñen definidas na Lei e que implicarán tanto aos concellos – como competentes na materia – como a Augas de Galicia, como organismo de conca, e ás deputacións provinciais.

A este respecto, a conselleira trasladoulle ao presidente da Fegamp que a Xunta decidiu atender a solicitude traslada por este organismo e establecer un período de dous anos para que os municipios realicen as preceptivas auditorías das redes de abastecemento, e un período razoable para que realicen as obras necesarias para arranxalas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre