Inicio Galicia A Xunta avanza nas obras de mellora e integración paisaxística do Camiño...

A Xunta avanza nas obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés nas rúas Garabal e Mulas ao seu paso polo polígono do Tambre, en Santiago

0
image_gallery.jpg

As actuacións comezaron este mes e supoñen un investimento autonómico de preto de 1 millón de euros


A Xunta avanza nas obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés nas rúas Garabal e Mulas, ao seu paso polo polígono do Tambre, en Santiago de Compostela. Estas actuacións, que comezaron este mes, supoñen un investimento autonómico de preto de 1 millón de euros.

No marco desta intervención, xa se executaron as accións de roza e de limpeza e estase levando a cabo o movemento de terras, escavando a zona de ensanche da estrada de Garabal e os aparcadoiros.

Tamén se realizou a escavación e o saneo da senda que unirá o tanatorio e o cemiterio de Boisaca. Ademais xa se substituíu a canalización de abastecemento de auga de fibrocemento existente na rúa Garabal por unha de polietileno.

Na xornada de hoxe prevese o comezo dos traballos de canalización de saneamento, das drenaxes de pluviais e do alumeado.

As obras teñen como obxectivo humanizar o itinerario do Camiño Inglés nesta zona industrial, facendo compatible o paso dos peregrinos que chegan a Compostela coa actividade empresarial, así como coa propia do cemiterio e do tanatorio de Boisaca.

Para iso acondicionaranse as beirarrúas, delimitaranse as prazas de estacionamento e habilitarase unha zona para que os camións poidan manobrar con facilidade e seguridade.

Esta actuación complementará as obras entre o Polígono do Tambre e o Cemiterio de Boisaca, que xa están rematadas. Aquí os traballos permiten a reordenación das zonas de estacionamento, a construción dunha senda e a humanización das rúas, poñendo especial énfase en diferenciar as zonas de uso público das de uso privado.

A intervención enmárcanse no proxecto para mellorar as entradas das rutas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021, cun investimento global da Xunta de 10 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre