Inicio Galicia A Xunta avanza na dispoñibilidade dos terreos para a construción das novas...

A Xunta avanza na dispoñibilidade dos terreos para a construción das novas residencias de maiores da Coruña, Ferrol, Ourense e Santiago

0

Estas actuacións enmárcanse no plan ‘Como na casa’ da Consellería de Política Social, no que se prevé a construción de sete novas residencias públicas, unha en cada gran cidade galega

A Consellería de Política Social vén de dar un novo paso para a construción e entrada en servizo das futuras residencias de maiores proxectadas en Ferrol, A Coruña, Ourense e Santiago dentro do plan ‘Como na casa’. De feito, a Administración autonómica remitiu hoxe a estes catro concellos os convenios de colaboración para a cesión a título gratuíto, por parte dos entes locais, das parcelas nas que se asentarán os novos equipamentos.

En canto á situación das novas infraestruturas, no caso da cidade de Ferrol localizarase no Boial, preto do centro hospitalario Arquitecto Marcide, nunha parcela de 5445 metros cadrados de superficie. A de Santiago emprazarase nun terreo de 2262 metros cadrados situado no barrio de Fontiñas; a de Ourense ocupará un predio de 7856 metros cadrados no Camiño Real de Cudeiro; e a nova residencia da Coruña edificarase nun terreo de 13.564 metros cadrados que está no parque Eirís-Tras do Hospital, localizándose na súa contorna inmediata as instalacións do Complexo Hospitalario Universidade da Coruña.

Así as cousas, os concellos realizarán todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión destes terreos á Consellería de Política Social, libre de cargas e gravames. Unha vez aceptadas as cesión, o departamento autonómico ocuparase da construción dos centros de maiores.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, lembrou que esta actuación enmárcase no plan ‘Como na casa’, no que se prevé a construción de sete novas residencias públicas, unha en cada gran cidade galega, para atender a maiores en situación de dependencia. Deste xeito, o Goberno galego responde a unha das prioridades recollidas no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 en relación á necesidade de incrementar a cobertura de atención ás persoas maiores. Nesta liña, Rey Varela explicou que o obxectivo “é mellorar a calidade de vida dun colectivo especialmente vulnerable, aumentando a oferta asistencial pública naqueles lugares onde se concentra a demanda de prazas, que son as grandes cidades e as súas áreas metropolitanas”.

En canto ás características que terán as novas residencias proxectadas, indicar que como novidade todas terán unidades xeriátricas e psicoxeriátricas diferenciadas; é dicir, contarán con zonas específicas para aloxar, coidar e traballar con residentes que padezan deterioracións ou trastornos cognitivos severos, facilitando así a súa correcta atención e mellorando a calidade asistencial. O resto das áreas das novas residencias destinaranse a zona social, con espazos para favorecer a convivencia, desenvolver actividades e recibir visitas. Tamén contarán cunha área de atención especializada que acollerá a consulta médica, as salas de rehabilitación e podoloxía, a farmacia e unha unidade de enfermaría; e finalmente, cada un dos centros completarase con zona de administración e servizos: lavandería, cociña…

A posta en servizo destas residencias permitirá que máis de 900 persoas maiores accedan ás novas prazas residenciais, reducindo deste xeito a lista de agarda, e suporá a creación de arredor de 500 empregos vinculados directa ou indirectamente ao sistema galego de atención á dependencia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre