Inicio Galicia A Xunta avanza a contratación do proxecto de instalación de valados reforzados...

A Xunta avanza a contratación do proxecto de instalación de valados reforzados na VAP Nadela-Monforte e na autovía Ferrol-Vilalba para avaliar a súa efectividade fronte ao xabaril

0

Ethel Vázquez explica que as novas vallas irán soterradas no terreo, o que dificulta o paso destes animais por debaixo das mesmas e o seu acceso á estrada

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia a contratación nas próximas semanas da redacción do proxecto construtivo para a instalación de valados reforzados en dous treitos concretos, na Vía de Altas Prestacións Nadela-Monforte e na AG-64, a autovía Ferrol-Vilalba.

Destacou que se trata dunha medida que vai permitir realizar unha instalación de dimensións importantes para comprobar e avaliar a súa efectividade fronte ao xabaril en Galicia. Actuación que se agarda sexa efectiva porque, a diferenza das vallas existentes, estes valados introdúcense no terreo e contan cunha parte soterrada que fai difícil que o xabaril poida escarvar para pasar por debaixo e acceder así á estrada, explicou.

Ethel Vázquez puxo tamén o acento en que mitigar os riscos da presenza do xabaril nas estradas é unha cuestión que está a supor un desafío en Europa e ante o que os Estados están adoptando medidas. E por iso, subliñou, cómpre que tamén o Goberno de España aborde o problema do xabaril de forma conxunta e integral, que propoña solucións, para poder impulsar medidas coordinadas nas comunidades afectadas.

A conselleira incidiu así en que a problemática do xabaril non é exclusiva de Galicia, e puxo como exemplo os serios problemas que está a ter a comunidade veciña de Asturias. Ademais, informou de que a ratio de accidentes por fauna salvaxe en Galicia é o dobre nas estradas estatais que nas da Xunta.

Tamén afeou ao grupo parlamentario socialista que esixan aos demais o que non se está a facer onde teñen responsabilidades, e citou o valado da A-8 que, segundo recolle a prensa: “segue deteriorado e serve de coadoiro para os xabarís”, e é responsabilidade do Ministerio de Fomento.

Na súa intervención en resposta ao grupo parlamentario socialista, a conselleira lembrou que o Goberno galego leva anos traballando para mitigar os riscos da presenza do xabaril nas estradas e os efectos asociados á superpoboación do xabaril desde unha perspectiva multidisciplinar, impulsando medidas de cara a previr e paliar os danos ocasionados por esta especie e preocupándose pola súa incidencia na seguridade viaria. Trátase do grupo de traballo liderado pola Consellería de Medio Ambiente, no que se integran outros departamentos da Xunta, e no que tamén participan a Administración central, a Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil.

Ethel Vázquez subliñou que o departamento de Infraestruturas da Xunta non está de brazos cruzados ante o risco crecente que supón a presenza do xabaril para os usuarios das estradas. E repasou as principais medidas executadas desde o departamento que dirixe para contribuír a mitigar os riscos da presenza do xabaril nas estradas e as que se están a implementar.

Adiantou que a Xunta seguirá analizando coa Universidade da Coruña os atropelos de fauna salvaxe, corzo e xabaril, para continuar centrando os esforzos nos treitos de concentración de accidentes de animais.

A conselleira falou tamén da aposta da Xunta por medidas orientadas a informar ao condutor do perigo asociado á presenza do xabaril nas estradas, reforzando a sinalización.

Nas estradas de acceso controlado, como son as autoestradas ou autovías, e nas estradas autonómicas de nova construción, o departamento de Infraestruturas da Xunta traballa, xa no seu deseño, pola instalación de pasos de fauna. Tamén pola construción de vías de escape de fauna ou o reforzo de peches.

Vázquez Mourelle lembrou ademais como desde a Xunta se están probando en distintas estradas autonómicas, fundamentalmente de Lugo onde se detectan máis incidencias, elementos disuasores, como os repelentes ou atraentes olfativos ou captafaros reflectores.

Medidas ás que se suman, reiterou, a redacción este ano do proxecto para a instalación de valados reforzados na VAP Nadela-Monforte e na AG-64.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre