Inicio Galicia A Xunta avalía coas centrais agrarias o plan que inxectará liquidez aos...

A Xunta avalía coas centrais agrarias o plan que inxectará liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria

0

O Goberno galego anticipará entre maio e xuño o pago de case 300 millóns de euros correspondentes a diferentes convocatorias de achegas de Medio Rural


O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse esta mañá por videoconferencia cos representantes das organizacións profesionais agrarias galegas con presenza no Consello Agrario co obxectivo de avaliar o plan elaborado polo seu departamento para inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria. A iniciativa -que suporá adiantar entre maio e xuño o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de achegas- activa hoxe a súa primeira medida, que suporá a mobilización de case 66 millóns.

Así, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres unha orde que axilizará o pagamento de subvencións xa concedidas pero que están pendentes de comprobación en campo e pago por parte da Administración. En concreto, a norma recolle excepcións na execución dos controis administrativos e sobre o terreo establecidos nas convocatorias cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Deste xeito, permítese substituír as visitas de certificación, ben pola comprobación con soporte documental fotográfico, ben pola realización desas comprobacións tras o pagamento final, co obxectivo de adiantar o pago de 65,7 millóns de euros, dos que 16 millóns xa comezaron a aboarse aos beneficiarios.

As medidas contempladas na Orde para este 2020 tamén serán aplicables ás axudas para investimentos en explotacións agrícolas, ás de incorporación de mozos ao agro, ás de desenvolvemento de pequenas explotacións e ás destinadas a apoiar a transformación e comercialización de produtos agrarios. En materia forestal, veranse favorecidas as subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), as de creación de superficies forestais e as destinadas a accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais.

Finalmente, no caso das subvencións que non estean cofinanciadas polo Feader, a Consellería do Medio Rural tamén poderá empregar este tipo de controis. Así, as comprobacións sobre o terreo para verificar que o proxecto a subvencionar non está comezado antes da resolución da concesión poderán ser substituídas por calquera proba documental suficiente, incluídas as fotografías xeorreferenciadas e a declaración responsable do solicitante da axuda na que manifeste que non iniciou o proxecto.

Máis anticiposMáis aló da Orde que entrará mañá en vigor, o conselleiro explicoulles ás organizacións profesionais agrarias as outras dúas medidas que contempla o Plan de liquidez que vai aplicar a Consellería do Medio Rural.

Deste xeito, González sinalou que a Xunta anticipará ata un 50% -ata o de agora, os anticipos adoitaban ser do 10%- das achegas agrícolas, gandeiras e de desenvolvemento rural das convocatorias cofinanciadas por fondos europeos, como as de plans de mellora e desenvolvemento de pequenas explotacións, así como a iniciativa Leader. En total, adiantaranse, dixo o conselleiro, uns 18,5 millóns de euros por este concepto, sen necesidade de que o interesado aporte aval bancario.

En terceiro lugar, o Plan contempla a sinatura dun convenio coas entidades financeiras para o anticipo aos agricultores e gandeiros das axudas da PAC correspondentes ao 2020, que ascenden aos 210 millóns de euros e que adoitan cobrarse nos meses de outubro e decembro. Neste sentido, o conselleiro indicou que “estamos traballando coas entidades para que, se o agricultor ou gandeiro precisa os cartos, se lle poidan anticipar”.

Comisión de expertosO conselleiro salientou que con estas medidas o Goberno galego segue unha das recomendacións feitas pola comisión de expertos económicos creada pola propia Xunta, no sentido de promover a axilización e pago dos expedientes administrativos relacionados con subvencións xa aprobadas.

Por outra parte, tamén se cumpre co establecido polo regulamento de execución aprobado recentemente pola Comisión europea, na mesma liña de axilizar e flexibilizar os controis administrativos e sobre o terreo para o pagamento dos fondos Feader.

Por último, José González remarcou que estas actuacións supoñen “facer xustiza” ao esforzo realizado polo sector agroalimentario durante a pandemia.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre