Inicio Galicia A Xunta autoriza a construción do novo Centro de atención ás persoas...

A Xunta autoriza a construción do novo Centro de atención ás persoas con discapacidade de Ourense por máis de 8 millóns de euros e que contará con 110 prazas públicas

0

Rueda salienta que este equipamento incrementará nun 35% o número de prazas públicas de atención á discapacidade da cidade, ao pasar de 316 a 426


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a autorización da Xunta ao contrato de construción do novo Centro de atención ás persoas con discapacidade (CAPD) de Ourense, por un importe total de máis de 8 millóns de euros e que contará con 110 prazas públicas.

Fíxoo durante a rolda de prensa do Consello, na que especificou que este equipamento incrementará nun 35% o número de prazas públicas de atención á discapacidade que se ofrecen na cidade, ao pasar de 316 a 426.

Nesta liña, Rueda salientou que o Goberno galego leva xa varios meses traballo nun centro que estea a altura das expectativas e das necesidades das persoas con discapacidade da provincia ourensá. Así, para dar resposta ás súas demandas, cambiouse a ubicación da instalación, desde Mariñamansa ata Barrocás; e co mesmo obxectivo incrementouse o seu tamaño ata as 110 prazas coas que vai contar, das que 80 serán de residencia e 30 de centro de día.

O seguinte paso, segundo explicou o vicepresidente da Xunta, será remitir ao Diario Oficial da Unión Europea a licitación, tal e como debe facerse cos contratos desta envergadura. Posteriormente, analizaranse todas as ofertas que se presenten e completaranse todos os trámites para que se poida comezar a construír.

A previsión da Xunta, avanzou, é que as obras do CAPD da cidade das Burgas poidan comezar no primeiro cuadrimestre de 2020, cunha duración de 18 meses.

Así mesmo, Rueda subliñou que se trata dun centro “ao nivel do que merece a cidade e do que precisan as persoas con discapacidade” da urbe, da súa bisbarra e do conxunto da provincia. Este investimento ao que hoxe se lle deu luz verde, concluíu, suporá “un salto cuantitativo e cualitativo” para os seus usuarios.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre