Inicio Galicia A Xunta aumentará ata os 900.000 euros a súa achega a Xenética...

A Xunta aumentará ata os 900.000 euros a súa achega a Xenética Fontao para potenciar a mellora do gando frisón

0

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias anunciou este incremento, que beneficiará aos gandeiros produtores de leite


A Consellería do Medio Rural incrementará ata os 900.000 euros, no conxunto do período 2019-2022, a súa aportación a Xenética Fontao para continuar co Programa de mellora xenética do gando frisón en Galicia. Será a través dunha addenda ao convenio subscrito con esta empresa pública e que contempla a realización anual dun mínimo de 3.000 avaliacións xenómicas das xovencas rexistradas no libro xenealóxico descendentes de touros do devandito programa.

Así o anunciou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta sobre este tema. Balseiros explicou que a mellora xenética resulta fundamental hoxe en día na procura de novas resistencias a enfermidades do gando, para o maior aproveitamento das materias primas que entran nas explotacións ou para unha maior tolerancia dos cultivos aos períodos de seca, no eido vexetal. Trátase -segundo destacou o director xeral- de apostar por unha gandaría moderna, eficiente e competitiva. Neste contexto enmárcase a cooperación entre a Consellería do Medio Rural e Xenética Fontao, engadiu Balseiros, quen lembrou que aproximadamente o 65% da produción do leite galego provén de gandeiros directamente implicados no programa de mellora xenética.

En virtude deste acordo, a empresa pública radicada en Lugo incorporará ao programa xenética de elite (animais e embrións) a partires das melloras de liñas xenéticas a nivel mundial. Así, ingresará no seu centro cada ano un mínimo de 50 novos sementais avaliados xenómicamente e, por outra banda, achegará un volume anual mínimo de 100 embrións elite seleccionados. Así mesmo, destinará a título promocional, sen custo para o gandeiro, un mínimo de 5.000 doses anuais de touros con alta valoración xenómica para os gandeiros adheridos ao programa que soliciten doses seminais desta oferta conxunta anual.

Por outra parte, o director xeral sinalou que a Xunta carece de competencias para o recoñecemento oficial de razas autóctonas gandeiras, en relación coa posibilidade de identificar a galiña piñeira con esta distinción, e advertiu que esta potestade corresponde ao Goberno de España. Por este motivo, José Balseiros indicou que para poder desenvolver programas oficiais respecto dunha raza, esta debe estar recoñecida oficialmente como tal, pero matizou que a Consellería do Medio Rural ten toda a predisposición para colaborar coa asociación de criadores para tentar completar os estudos científicos que permitan definir a raza.

Mobilidade de terrasPola súa banda, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, explicou, en resposta a outra pregunta, que actualmente están executados ou en fase de execución preto dunha decena de proxectos piloto de mobilidade de terras en toda Galicia e hai máis de 30 aldeas modelo nas que se está traballando. O obxectivo de todas estas accións é recuperar terras en desuso mediante proxectos únicos, no canto de actuar de xeito individual sobre cada parcela.

Pérez Dubois trasladou ademais que estas iniciativas se suman a outras a prol da mobilidade de terras, entre as que destaca a futura lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias, que contempla, entre outras ferramentas, a elaboración dun mapa de usos agroforestais e dun catálogo de solos de alta produtividade e especial aptitude agropecuaria e forestal de Galicia. Así mesmo, o director xeral explicou que dende a entrada en vigor da Lei de Mellora Territorial Agraria de Galicia (Metaga) en 2015 avanzouse nun total de 141 procesos de reestruturación parcelaria, que progresaron nas diferentes fases de execución grazas á aplicación desta normativa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre