Inicio Galicia A Xunta atende as demandas dos gandeiros para mellorar a transparencia, o...

A Xunta atende as demandas dos gandeiros para mellorar a transparencia, o equilibrio e a estabilidade no sector do vacún de carne

0

A Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia (Agrigga) trasladoulle á consellería a necesidade de implantar canto antes o chamado “Paquete da carne”, unha serie de medidas legais para vertebrar mellor este eido produtivo


O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse este mediodía con responsables da Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia (Agrigga carne).

Na xuntanza, o conselleiro e o director xeral atenderon as demandas dos gandeiros no sentido de impulsar canto antes o chamado “Paquete da carne”, un conxunto de medidas legais comunitarias e nacionais que teñen como principal obxectivo mellorar a transparencia, o equilibrio e a estabilidade na cadea de valor destas producións.

Os representantes de Agrigga, que acudiron á reunión acompañados por outros gandeiros de Castela e León, Estremadura e Aragón, insisten na necesidade de poñer en marcha á maior brevidade este paquete normativo, que propiciará, entre outras cuestións, a xeneralización do uso de contratos de longa duración ou a mellora da capacidade de negociación dos produtores, a través das súas organizacións, que tamén se potenciarían.

O “Paquete da carne” sería, segundo os gandeiros, unha ferramenta fundamental para organizar e ordenar as producións, facer fronte ás crises de prezos, orientar as producións ao mercado, axustar a oferta á demanda e, en xeral, vertebrar o sector reducindo a debilidade do primeiro elo da cadea (os propios produtores).

Apoio da conselleríaA Consellería do Medio Rural vén colaborando con Agrigga en diferentes iniciativas para impulsar o sector cárnico. Entre elas, o departamento que dirixe José González apoia actualmente dous proxectos liderados por esta asociación dentro da convocatoria de 2018 de achegas para proxectos de grupos operativos de innovación, así como para proxectos piloto.

Un deles céntrase na optimización da produción de carne de vacún maior de calidade e o outro ten que ver coa produción propia de materias primas para a alimentación ecolóxica de tenreiros, como estratexia de diferenciación e revalorización do produto final nos mercados. Estes traballos, nos que participa tamén o Centro Tecnolóxico da Carne, ente adscrito á consellería, teñen un orzamento conxunto de preto de 200.000 euros, cunha axuda concedida a Agrigga que supera os 114.000 euros. Enmárcanse nas estratexias de impulso á Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación da Xunta no sector agroalimentario.

O vacún de carne en GaliciaPor outra banda, nesta reunión o conselleiro puxo en valor o peso do sector de vacún de carne en Galicia e lembrou que a nosa comunidade destaca como a segunda autonomía de España en número de cabezas de gando e ocupa o terceiro lugar por reses sacrificadas. Así, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a nosa comunidade acumula o 14% do censo nacional, sendo só superada por Castela e León, que ten un 22% do total de cabezas.

Ademais, canto ao número de reses sacrificadas, Galicia está en terceiro lugar, tras Cataluña, que ostenta o primeiro posto, e Castela e León. Estes tres territorios concentran máis da metade da produción total de España, que se sitúa arredor dos 2,3 millóns de cabezas. A nosa comunidade destaca, así mesmo, no eido da carne de vacún producida baixo o amparo de denominacións de calidade, xa que a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega aglutina máis da metade do total nacional (case un 55% do produto amparado en toda España), seguida a distancia pola IXP Ternera Asturiana, cun 16,6% da produción española. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre