Inicio Galicia A Xunta asina un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para...

A Xunta asina un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para levar a cabo accións conxuntas que beneficien ao deporte galego e a toda a comunidade universitaria

0

Lete Lasa subliña a importancia manifesta a súa plena confianza nos tres centros para “confeccionar unha gran rede de institucións, administracións, entidades e persoas que contribúan á mellora do deporte galego achegando toda a súa traxectoria e experiencia no eido deportivo”


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou na mañá de hoxe co vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto, en representación do reitor, Manuel Joaquín Reigosa, o convenio marco de colaboración entre as dúas administracións para establecer actuacións conxuntas que redunden no beneficio do deporte en Galicia e da comunidade universitaria galega.

O mandatario galego subliñou a importancia que o sistema universitario galego ten para o deporte de Galicia e manifestou a súa plena confianza nas tres universidades para “confeccionar unha gran rede de institucións, administracións, entidades e persoas que contribúan á mellora do deporte galego achegando toda a súa traxectoria e experiencia no eido deportivo”. Neste sentido destacou a importancia das universidades na redacción do novo decreto do deporte de alto nivel que verá a luz nas vindeiras datas e que incorporará importantes vantaxes económicas, laborais ou educativas para os deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento. Segundo o acordo asinado, a Secretaría Xeral para o Deporte e a institución educativa levarán a cabo proxectos de forma conxunta como o intercambio de espazos (deportivos, docentes, etc.) entre a Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) e a Secretaria Xeral para o Deporte (Centro Galego de Tecnificación Deportiva) que redunden na mellora da docencia, da investigación, e do adestramento das partes; a promoción e colaboración no desenvolvemento de proxectos de investigación en base as necesidades e posibilidades de cada unha das partes; asesoramento e apoio en materia de planificación, seguimento e control do adestramento tanto físico como psicolóxico para os deportistas becados no Centro Galego de Tecnificación Deportiva; elaboración e Intercambio de publicacións, traballos de investigación vinculados co deporte e a educación física que resulten de interese; organización e realización de todo tipo de actividades académicas e deportivas, tales como: cursos, congresos, conferencias, simposios, seminarios, concentracións, campionatos, etc; apoio a estudantes no desenvolvemento de prácticas curriculares ou pre-profesionais; así como cantas outras sexan consideradas de interese mutuo, dentro das dispoñibilidades das partes e segundo a legalidade establecida na normativa de contratación do sector público.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre