Inicio Galicia A Xunta asina o convenio coa Fegamp para a tramitación de sancións...

A Xunta asina o convenio coa Fegamp para a tramitación de sancións relacionadas coa covid-19

0
image_gallery.jpg

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asinou esta mañá co presidente da Fegamp, Alberto Varela, o acordo para articular a encomenda de xestión para realizar as actuacións auxiliares e de colaboración nos trámites das sancións polo incumprimento das medidas


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asinou esta mañá co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, o convenio para articular a encomenda de xestión para a realización de actuacións auxiliares e de colaboración cos concellos na tramitación dos procedementos sancionadores relacionados co incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a covid-19.

A través deste acordo, a Xunta ofrecerá aos concellos medianos e pequenos que se adhiran de forma voluntaria a asistencia técnica e material necesaria para a tramitación dos procedementos sancionadores cando o incumprimento sexa en ámbitos competencia dos municipios.

Deste xeito, o Goberno galego dá cumprimento ao compromiso para axudar aos concellos con menos recursos a tramitar os expedientes sancionadores co obxectivo de contribuír a axilizar os procedementos e paliar a carga administrativa de moitos municipios.

Pola súa banda, os concellos que se adhiran ao presente convenio se comprometen a iniciar, instruír e resolver os procedementos sancionadores debendo remitir a Xunta de Galicia a información precisa para que esta poda executar a encomenda de xestión.

A directora xeral de Administración Local destacou a importancia de manter “un diálogo fluído” e “unha colaboración “fructífera” cos concellos que permitirá avanzar, neste caso, na “xestión das denuncias que están pendentes para ningunha infracción quede sen sanción”. Ademais, apelou á responsabilidade cidadá e ao “sentidiño” para cumprir as medidas de prevención pola covid-19.

O Goberno galego disporá de unidades tramitadoras base, supervisoras e de coordinación que se encargarán da elaboración material dos trámites en auxilio técnico dos instrutores dos procedementos designados polos concellos, que se ocuparán da formalización dos actos de carácter xurídico.

Tanto as unidades tramitadoras como os concellos terán á súa disposición unha guía de tramitación, na que se recollerán todas as actuacións necesarias para que as unidades tramitadoras poidan completar os expedientes electrónicos de cada procedemento, antes de remitilos aos concellos para o seu arquivo.

Entre os trámites, o persoal da Xunta poderá encargarse de redactar os acordos de incoación; de realizar as notificacións destes acordos, coas que se achegarán as cartas de pagamento; ou de elaborar propostas de resolución nos casos nos que non se procedese ao pagamento ou cando haxa alegacións. Todo este apoio realizarase sempre baixo a supervisión do concello -nomeadamente, do instrutor-, que se deberá ocupar da súa formalización, como a sinatura dos acordos de incoación ou das propostas de resolución. En definitiva, as unidades tramitadoras da Xunta faranse cargo da redacción de documentos e os concellos da súa revisión e sinatura.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre