Inicio Galicia A Xunta aproba o protocolo polo que se establecen as medidas fronte...

A Xunta aproba o protocolo polo que se establecen as medidas fronte á covid-19 no deporte federado galego e dáo a coñecer ás 58 federacións deportivas

0

Seguindo o disposto na resolución e tomando como referencia o protocolo aprobado hoxe -ambos dispoñibles na páxina web do Deporte galego- cada federación elaborará o seu propio protocolo atendendo ás súas modalidades e especialidades


A Secretaría Xeral para o Deporte vén de aprobar o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia e que será a norma básica de referencia neste ámbito. Tanto o protocolo como a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pódense consultar na páxina web do Deporte galego.

Neste sentido, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha nova xuntanza virtual cos responsables das 58 federacións deportivas de Galicia cos que repasou as medidas de prevención no ámbito deportivo necesarias unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara unha nova normalidade e dadas a coñecer na resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade (DOG de 12 de xuño). Seguindo o disposto nesta resolución e tomando como referencia o protocolo FISICOVID aprobado hoxe, cada federación deportiva galega elaborará o seu propio protocolo atendendo ás súas modalidades e especialidades deportivas, e que será de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos. O devandito protocolo de cada federación deberá ser comunicado á Secretaría Xeral para o Deporte e publicado na páxina web de cada federación.

O protocolo FISICOVID-DXTGALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia responde á ferramenta de identificación de situacións deportivas de contaxio no deporte galego, un instrumento realizado tras unha diagnose exhaustiva e de forma individualizada con cada unha das preto de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia. Esta ferramenta foi realizada tendo en conta as condutas de todos os axentes humanos que participan no Deporte galego, a partir da lóxica organizativa e funcional, indagando sobre todas as potenciais fontes de contaxio vistas desde todas as perspectivas. O obxectivo primordial é limitar ao máximo posible a capacidade de transmisión do coronavirus desde o primeiro desprazamento cara a instalación, espazo de práctica ou centro deportivo, durante o feito deportivo e despois do mesmo e, por conseguinte, evitar futuros contaxios en contornas familiares, locais, profesionais, escolares ou outros.

O obxecto do protocolo aprobado pola Xunta é establecer a metodoloxía para que as federacións deportivas galegas realicen o seus propios protocolos. No FISICOVID-DXTGALEGO inclúense cales son as medidas xerais que as federacións deben fixar para reducir o risco de contaxio da COVID-19 diferenciadas entre as medidas e desinfección de superficies e material, así como as medidas para os axentes que directa ou indirectamente participen na práctica deportiva -staff, deportistas, acompañantes, público…-. Do mesmo xeito achégase información sobre o procedemento que cada federación debe seguir para a identificación de potenciais situacións de contaxio e medidas particulares de prevención.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre