Inicio Galicia A Xunta aproba a posta en marcha de sete obradoiros de emprego...

A Xunta aproba a posta en marcha de sete obradoiros de emprego no Salnés cos que se incrementarán as oportunidades laborais de 132 desempregados

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que os beneficiarios destes programas recibirán formación con certificado de profesionalidade e un contrato de traballo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe a resolución, por parte do Consello da Xunta, da convocatoria de axudas dos obradoiros de emprego dirixidas aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes que permitirá a realización dun total de 7 obradoiros de emprego na comarca do Salnés o que permitirá incrementar as oportunidades laborais de 132 desempregados desta área a través dun investimento de 2 millóns de euros.

En total, en Galicia aprobáronse 77 iniciativas cun orzamento de 22,3 M€. Os beneficiarios recibirán formación con certificado de profesionalidade e tamén un contrato de traballo. Na provincia de Pontevedra desenvolveranse 21 iniciativas (15 duais e 6 xuvenís).

En concreto, na comarca do Salnés realizaranse 5 obradoiros duais de emprego aos cales se destinarán 1,7M€. Así, aprobouse “Forme 19” de Vilagarcía de Arousa; “Vista Real V” de Vilanova de Arousa; “Ruta Marítima Camiño de Santiago II” de Cambados; “Hostalería do Salnés XI” da Mancomunidade do Salnés e “A Lanzada II” do Grove. Ademais, tamén verase beneficiada esta comarca con dous obradoiros xuvenís para menores de 30 anos: “Labora Xove 2019” de Vilagarcía de Arousa e “Cambados Emprendedor” de Cambados, cun orzamento global de 360.000 euros.

Trátase da segunda convocatoria deste programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. A duración dos obradoiros duais será de 9 meses.

Ademais, no caso dos obradoiros xuvenís para menores de 30 anos, estes deberán estar inscritos e en situación de beneficiarios no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma. As actividades estarán relacionadas coa titulación ou formación previa que posúan ou para a mellora do seu nivel de competencia profesional. A súa duración será de 6 meses.

Entre os criterios de valoración desta convocatoria destacaron a maior puntuación para os concellos asociados ou resultantes de fusións de dous ou máis municipios, así como para os concellos emprendedores. Tamén se primaron os proxectos que tiveron máis actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital; a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio e, nos casos dos obradoiros duais, valorouse o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación laboral durante un mínimo de tres meses a xornada completa.

Os obradoiros de emprego, que comezarán a partir do 30 de setembro deste ano, forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panca de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación ou desaparición doutras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre