Inicio Galicia A Xunta aproba a modificación puntual número seis do PXOM de Sanxenxo...

A Xunta aproba a modificación puntual número seis do PXOM de Sanxenxo para introducir axustes e melloras na súa aplicación

0

Tras a orde ditada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a modificación deberá inscribirse no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia e a continuación, será publicada polo Concello no Boletín Oficial da Provincia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de aprobar definitivamente a modificación puntual número 6 do PXOM de Sanxenxo, uns cambios que teñen como finalidade mellorar a ordenación prevista no municipio e responder a algunhas inadecuacións detectadas no planeamento vixente.

Con esta resolución, culmínase a tramitación da modificación urbanística número seis aprobada inicialmente polo pleno de Sanxenxo en marzo de 2017 e sometida a continuación a información pública durante dous meses. Tras recadar os informes sectoriais preceptivos, autonómicos e estatais, e darlle audiencia aos municipios limítrofes para que puideran pronunciarse, o Concello aprobou provisionalmente a devandita modificación en xaneiro de 2019, remitindo á Xunta todo o expediente en aplicación da Lei do Solo de Galicia.

Neste sentido, o Goberno local propuxo esta modificación como un paso máis na modernización e mellora da planificación urbanística de Sanxenxo, introducindo axustes que fan máis eficiente a aplicación do PXOM. Os cambios afectan a todo o ámbito municipal e abarcan diferentes aspectos, seguindo o modelo que se iniciou no ano 2003 coa aprobación do plan xeral de ordenación municipal.

Así, segundo o establecido na memoria do documento urbanístico, entre os principais obxectivos propostos figuran corrixir a dobre clasificación que outorga o PXOM a determinados terreos situados na Rede Natura 2000; adecuar a cartografía do planeamento municipal aos cambios de trazado de diferentes estradas provinciais e comarcais; ou adaptar o trazado dalgúns viarios para unha mellor articulación do sistema de comunicación.

Así mesmo, tamén pretende modificar a cualificación de parcelas nas que existen maioritariamente instalacións hoteleiras, redelimitar o núcleo rural de Aios, e modificar a normativa do PXOM para establecer unha regulación máis detallada das condicións de uso e de edificación.

Inscrición e publicaciónTendo en conta o obxecto desta modificación puntual e considerando que se dan as razóns de interese público esixidas na Lei do Solo para modificar un PXOM, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a proposta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resolveu outorgarlle a aprobación definitiva, condicionada, en todo caso, a que o Concello faga unha serie de correccións nalgúns dos planos que acompañan o documento.

O seguinte paso será proceder á inscrición da modificación puntual número seis do PXOM de Sanxenxo no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia –trámite que lle corresponde realizar á Xunta- e, finalmente, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da Provincia a normativa e as ordenanzas correspondentes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre