Inicio Galicia A Xunta aposta por visibilizar o talento feminino para avanzar cara a...

A Xunta aposta por visibilizar o talento feminino para avanzar cara a unha igualdade real entre mulleres e homes

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron hoxe na presentación do proxecto ‘Referentes Galegas’ de Executivas de Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participaron hoxe en Viveiro na presentación do proxecto Referentes Galegas de Executivas de Galicia. Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia para dar visibilidade ás mulleres profesionais galegas que son líderes nos seus sectores que se puxo en marcha en 2018 grazas ao convenio entre a Xunta e a organización. López Abella explicou na súa intervención que un dos obxectivos do Goberno galego é fomentar a participación das mulleres en condicións de igualdade en todas as esferas da sociedade. Nesta liña, sinalou que é preciso visibilizar o talento feminino e reforzar a súa presenza nos espazos de decisión, á vez que se potencia o seu liderado.

Argerey agradeceu o convite a participar neste programa, que permite visibilizar o papel das mulleres nos diferentes ámbitos profesionais en postos de responsabilidade para rachar cos estereotipos que persisten na sociedade sobre os roles de xénero. Ademais, destacou que está aliñado cunha das prioridades do seu departamento como é espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as rapazas, e este programa bríndalle a oportunidade de dirixirse á mocidade que está en idade de orientar o seu futuro académico e profesional para espertar o seu interese por aquelas áreas da nosa economía con potencial de futuro.

Por último, a directora de Gain apuntou algunhas iniciativas que ten posto en marcha a Axencia Galega de Innovación para fomentar as vocacións científicas como o programa D´tec, para fomentar o deseño, a ciencia e a tecnoloxía, ou o programa de vocacións arredor do Polo Aeroespacial de Galicia, vencellado ao desenvolvemento de sistemas non tripulados.

A Xunta traballa na loita pola igualdade real entre mulleres e homes e por erradicar calquera tipo de discriminación en ámbitos como a ciencia ou o rural. Así, o Goberno galego recoñece desde ás mulleres científicas de Galicia co Premio María Josefa Wonenburguer, galardón que este ano recibiu a catedrática en Farmacia Mabel Loza, na gala celebrada o pasado luns. Desta forma, o Goberno galego busca facer chegar á sociedade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía. No ámbito rural, a Xunta puxo en marcha o ano pasado o proxecto Sementes para a Igualdade para poñer en valor o emprendemento das mulleres rurais e defender os seus dereitos baixo unha perspectiva de igualdade.

Tamén en 2019 a Secretaría Xeral da Igualdade implantou o proxecto Nin+Nin-, Iguais para favorecer o encontro de mulleres senlleiras líderes nos seus respectivos sectores para que o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria teña referentes femininos en distintos sectores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre