Inicio Galicia A Xunta aposta por un camiño seguro para reactivar a peregrinación de...

A Xunta aposta por un camiño seguro para reactivar a peregrinación de cara ao Xacobeo 2021

0

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o xerente do Sergas, José Flores, participaron hoxe na presentación do plan para os corredores peonís seguros nos 11 concellos galegos polos que pasa o Camiño Francés

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego para reforzar a seguridade fronte á covid-19 no Camiño de Santiago e así minimizar os riscos de contaxio nos concellos que atravesa a ruta, co obxectivo de que tódolos visitantes teñan garantido un Camiño seguro e, de cara ao Xacobeo 2021, fomentar a reactivación económica do turismo galego.

Así o destacou hoxe, xunto co xerente do Sergas, José Flores, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación do plan de continxencia para os corredores peonís seguros, que reúnen as directrices fronte ao coronavirus elaboradas polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para aplicar nos 11 concellos galegos polos que discorre o Camiño Francés, e que se estenderá ás demais rutas do Camiño de Santiago.

No acto, no que tamén se fixo entrega aos municipios dos manuais Camiño Seguro e o Decálogo do Xacobeo 2021, participaron o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o presidente do ICTE, Miguel Mirones.

Alfonso Rueda incidiu en que o Goberno galego seguirá a traballar “nun Camiño seguro que permita que os visitantes que polas circunstancias sanitarias agora non poden realizar a ruta, e tamén aqueles que non tiñan planeado facelo e agora si, poidan vir con toda a seguridade en canto sexa posible e a situación o permita”.

Desta forma, sinalou que o Camiño de Santiago está a demostrar incluso “nestes momentos difíciles” o seu potencial coa entrega de máis de 40.000 Compostelas, polo que aposta en que, de cara ao Xacobeo 2021, siga demostrando que os visitantes poden atopar en Galicia “un destino seguro” e valores “que agora adquiren máis relevancia e son máis demandados como os espazos abertos e non masificados”.

O proxecto de corredores peonís seguros inclúe recomendacións a aplicar por estas entidades locais nas súas instalacións e servizos turísticos sobre os protocolos de prevención ante a covid-19 en canto ao distanciamento e control de aforo, limpeza e desinfección, información aos peregrinos e actuacións ante casos de infección. Ademais, contempla análises das zonas de risco ao longo do Camiño, así como a identificación dos espazos públicos singulares no trazado e os riscos nos distintos servizos públicos prestados aos camiñantes.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que o Goberno galego xa vén traballando en colaboración co ICTE nun plan de continxencia dos albergues públicos, aos que facilitou un manual con indicacións e protocolos de prevención. Xunto coa implantación das medidas hixiénico-sanitarias esixidas, a Xunta apoiou a formación online nesta materia a profesionais dos albergues para ofrecer un servizo de calidade e con tódalas garantías de seguridade. No caso dos albergues privados, contan cunha liña de axudas para o sector turístico que financia a adquisición de material de protección e facilita a adaptación dos negocios aos requirimentos de seguridade hixiénico-sanitaria contra o coronavirus.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre