Inicio Galicia A Xunta aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento...

A Xunta aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal para contribuír á mellora da calidade de vida local

0

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto; e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, participaron hoxe nunha xornada sobre asociacionismo veciñal


A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe que a Xunta, a través da orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria, contribúe a redundar na mellora da calidade de vida local e o benestar dos cidadáns. Desta forma, o Goberno galego aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal.

Marta Fernández-Tapias presentou hoxe na clausura da xornada “O asociacionismo veciñal e a participación cidadá no escenario das novas tecnoloxías da comunicación” a convocatoria de axudas para 2020 destinada ás asociacións, confederacións, federacións ou unións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais. A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, inaugurou a xornada e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, ofreceu unha ponencia sobre as ferramentas electrónicas da Xunta a disposición destes colectivos.

A convocatoria de axudas dispón para o ano que vén dun orzamento de 2,5 millóns de euros, un 70% máis que o exercicio anterior. O investimento do Goberno galego nesta liña de subvencións entre 2016 e 2019 ascende a 10,4 millóns de euros.

Para as entidades veciñais e as organizacións de mulleres rurais, este plan apoia as obras de acondicionamento e reforma e ampliación dos seus locais; así como a reparación das traídas de augas no caso das comunidades de usuarios de augas. Tamén será subvencionable a dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades. O importe máximo da achega económica será de 17.000 euros por entidade, 12.000 euros para a realización de obras e 5.000 na dotación de equipamento. A Xunta manterá a posibilidade das asociacións de acollerse a anticipos de ata 100% da contía da axuda.

Como novidade, na convocatoria do ano que vén, as subvencións concederanse por concorrencia competitiva, e non por orde de presentación coma nos anos anteriores.

Ferramentas electrónicas da XuntaA directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, explicou as ferramentas dixitais da Xunta para as asociacións veciñais e incidiu no compromiso do Goberno galego co fomento da administración electrónica.

Deste xeito, o 95% dos procedementos administrativos da cidadanía coa Administración están dispoñibles para a súa xestión electrónica, o que permitiu axilizar a actividade administrativa nun 26,5% e mellorar a resposta ata catro meses. Os cidadáns presentaron no que vai de ano case medio millón de documentos electrónicos, que superan a cifra total do ano anterior. Ademais, a Administración autonómica enviou máis de 233.000 notificacións electrónicas a través do sistema Notifica.gal, un 41% máis que o ano pasado.

A cidadanía e as empresas poden acceder a través da sede electrónica da Xunta aos procedementos administrativos co Goberno galego e asinar documentos de forma electrónica cun certificado electrónico de usuario ou a Chave365. Os usuarios poden coñecer o estado das súas solicitudes na Carpeta do Cidadán e descargar modelos normalizados para trámites administrativos.

Natalia Prieto tamén incidiu en que o Portal de Transparencia e Goberno aberto da Xunta, situou a Galicia como pioneira en transparencia e boas prácticas na Administración. Esta ferramenta dá cumprimento a Lei galega de transparencia, que ten como obxectivo fomentar a participación da cidadanía no control da actividade pública a través de consultas públicas previas, do envío de suxestións a normativas en tramitación ou da solicitude de acceso a información pública.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre