Inicio Galicia A Xunta aposta por estender o modelo SEMGAL ao conxunto do sistema...

A Xunta aposta por estender o modelo SEMGAL ao conxunto do sistema educativo galego, como exemplo de inclusión nas aulas

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inauguraron hoxe a I Xornada formativa sobre este Modelo de Enriquecemento Escolar adaptado a Galicia, que congrega a uns 350 docentes


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inauguraron hoxe a xornada formativa SEMGAL que congrega en Pontevedra a uns 350 docentes e que conta coa presenza como relatores dos doutores da Universidade de Connecticut (EEUU) que impulsaron este modelo educativo, Sally Reis, Josep Renzulli e Del Siegle.

Alfonso Rueda destacou que a Xunta avoga por estender o modelo SEMGAL -de Enriquecemento Escolar adaptado a Galicia desde unha perspectiva inclusiva- ao conxunto do sistema educativo galego. Nesta liña, incidiu en que o Goberno galego aposta por este método co que se fomenta a inclusión nas aulas co obxectivo de acadar a igualdade e a excelencia de todo o alumnado.

Pola súa banda, Carmen Pomar sinalou que na sociedade actual é necesario que os modelos educativos “se orienten a formar persoas con capacidade de comunicación, adaptables, creativas e con altas doses de curiosidade”. O modelo SEMGAL adáptase a estas esixencias xa que está centrado en detectar e desenvolver o talento único de cada estudante, optimizar o proceso de ensino e aprendizaxe en todos os niveis educativos e “dar unha resposta educativa axeitada ás diferentes características e necesidades de cada alumna e alumno”, especificou a conselleira.

A base deste programa SEMGAL é a formación e o mentoring, que inclúe diferentes accións de formación do profesorado e acompañamento para o deseño curricular da tarefa docente. Precisamente desde o pasado xoves estanse levando a cabo diversas sesións formativas dirixidas ao profesorado, tanto dos centros da rede SEMGAL coma doutros centros que non están na rede, e a orientadores educativos. O programa formativo culmina hoxe en Pontevedra con distintos relatorios e obradoiros que se desenvolven no IES Xunqueira II, un dos 39 centros escolares que xa están traballando neste modelo, no que participan uns 4.300 alumnos e preto de 400 docentes.

Destes 39 centros, 25 deles xa están integrados na rede SEMGAL (entre o ano 1 e o 4 de implantación do proxecto) e outros 14 están na fase de achegamento (ano 0).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre