Inicio Galicia A Xunta aposta por dar a coñecer ás xeracións máis novas o...

A Xunta aposta por dar a coñecer ás xeracións máis novas o traballo das mulleres no ámbito das TIC

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na mesa redonda “Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais” da actividade “Tempo da Psicoloxía”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a necesidade de que as nenas e mozas teñan referentes femininos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para coñecer o traballo das mulleres tecnólogas e pioneiras no eido da programación, así como as que tratan de visibilizar o uso das TIC ou que as empregan de forma habitual nas súas vidas.

Así o explicou na súa intervención na mesa redonda Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais da actividade Tempo da psicoloxía, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e pola facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que incidiu en que a fenda dixital de xénero segue presente a pesar de que o acceso á tecnoloxía é cada vez máis doado.

López Abella tamén resaltou a importancia de que as novas xeracións teñan referentes na ciencia e na tecnoloxía. Así, a Unidade de Muller e Ciencia fomenta a presenza das mulleres e situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica. Entre outras iniciativas, recoñece desde 2007 ás mulleres destacadas nestes dous ámbitos en Galicia co Premio María Josefa Wonenburguer. A este obxectivo tamén contribúe o proxecto Nin+Nin-, Iguais que, desde o ano pasado, favorece o encontro de mulleres senlleiras líderes na súa actividade profesional para pechar a fenda de xénero nestes estudos entre o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.

A secretaria xeral da Igualdade aclarou ademais que os medios dixitais funcionan como ferramentas relevantes para tomar conciencia fronte ás desigualdade entre mulleres e homes pero advertiu de que o seu mal uso podería afondar na difusión de estereotipos discriminatorios e agravar condutas de control, illamento ou abuso. Co obxectivo de fomentar a igualdade e a prevención da violencia de xénero a Xunta conta con aplicacións móbiles como Escapp para as vítimas ou Agresión OFF contra as agresións sexuais.

Por outra parte, López Abella explicou que o manexo das novas tecnoloxías contribúe ao apoderamento das mulleres, sobre todo nas zonas do rural. En concreto, o seu uso no eido bancario centra a temática dos talleres para o apoderamento de mulleres do rural sobre comercio e banca electrónica que a Xunta leva a cabo en varios concellos galegos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre