Inicio Galicia A Xunta aposta por concienciar aos máis novos sobre unha dieta saudable...

A Xunta aposta por concienciar aos máis novos sobre unha dieta saudable con produtos do mar para chegar a toda a poboación

0

A titular de Mar defende as campañas de fomento do consumo dos produtos pesqueiros para mellorar os hábitos alimentarios da sociedade


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na clausura da VI Conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca, onde fixo fincapé na importancia de concienciar á poboación para que siga unha dieta saudable apoiada nos produtos do mar. Un traballo, dixo, que debe comezar polos máis novos para que as bases do estilo de vida saudable cheguen tamén aos maiores e á sociedade en xeral.

A titular de Mar enxalzou neste encontro, organizado pola Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) e centrado no proxecto EduKsano para levar aos colexios e institutos españois a Educación Nutricional como unha das materias principais dos plans de estudo, a calidade nutricional dos produtos do mar galegos “como chave para contar cunha saúde robusta”. Neste sentido, trasladou o seu compromiso de seguir traballando en campañas de fomento do consumo dos produtos pesqueiros, tanto en fresco como en conserva, unha estratexia que considera fundamental para mellorar os hábitos alimentarios da sociedade.“Para logralo temos en ARVI un gran aliado, que tamén mostra a súa preocupación por garantir unha saúde de excelencia sobre a base dunha educación nutricional óptima”, salientou Rosa Quintana, que lembrou as campañas desenvolvidas nos últimos anos pola Xunta e destinadas á poboación infantil para favorecer o consumo de produtos do mar. Precisamente, a O sabor da aventura está no mar, Ponlle as pilas ao teu bocata e Do mar ao prato sumarase nos próximos meses Vai de Peixe, unha campaña destinada á xente nova -os coñecidos como millennials- que comeza a ser independente no que aos hábitos alimentarios se refire e que se desenvolverá fundamentalmente a través das redes sociais.“Con ela pretendemos mostrarlles os beneficios dun estilo de vida saudable baseado en hábitos alimentarios de produtos do mar á vez que ensinamos comportamentos de compra. Con estas campañas facemos que a defensa dos nosos produtos sexa unha responsabilidade social compartida en favor da Galicia sustentable e responsable”, concluíu a representante do Executivo galego. VI Conferencia internacionalEsta edición da Conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca está centrada no proxecto EduKsano, que quere levar ás aulas dos colexios e institutos españois a Educación Nutricional como unha materia troncal, en igualdade de condicións que as matemáticas, a lingua ou a física. O obxectivo do evento é dar a palabra aos escolares, instar aos pais, profesores e expertos en saúde e nutrición a debater sobre os potenciais contidos e actividades desta materia e convocar aos responsables políticos para que promovan unha alimentación saudable a través da educación.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre