Inicio Galicia A Xunta aposta por adaptar a industria aos retos dixitais para que...

A Xunta aposta por adaptar a industria aos retos dixitais para que as empresas gañen tamaño e avancen en internacionalización

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Santiago na apertura do Innovation & Manufacturing Brokerage Event, que reúne hoxe e mañá a expertos en innovación e fabricación avanzada de sete países

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá en Santiago, na apertura do Innovation & Manufacturing Brokerage Event, centrado na innovación e na fabricación avanzada, a aposta de Galicia por adaptar a industria aos retos dixitais para que as empresas gañen tamaño e avancen en internacionalización. Por iso, lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará o próximo ano preto de 210 millóns de euros a lograr unha Galicia máis innovadora, potenciando os sectores nos que a Comunidade xa é líder, como o naval, o téxtil e a automoción, e explorando novas posibilidades que enriquezan o tecido industrial.

Así, sinalou que Galicia ten atopado novos focos de innovación, como o polo aeroespacial, o polo das TIC ou o polo de biotecnoloxía, que busca en Santiago novas sinerxías co ecosistema bio rexional, dotado dunha aceleradora centrada no descubrimento de novos fármacos. Tamén lembrou a aposta galega polos hubs de innovación dixital, e a nova convocatoria de axudas para empresas participantes nos mesmos que desenvolvan proxectos de I+D+i. Prevese ademais poñer en marcha un plan de impulso á transformación dixital, dotado con 5,3 millóns de euros.

No marco da Axenda Industria 4.0, a posta en marcha de solucións para avanzar na nova industria concretarase en iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada, que terán como obxectivo validar e demostrar recursos de tecnoloxías dixitais made in Galicia en sectores industriais concretos. Por outra banda, e mediante o fomento da colaboración entre empresas complementarias que xeren solucións conxuntas, impulsarase a iniciativa Maquinaria 4.0, que incidirá no desenvolvemento de provedores de bens de equipo para a nova industria.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria resaltou que o Innovation & Manufacturing Brokerage Event se desenvolve no marco da RIS3 Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, unha estratexia de especialización intelixente única en Europa que permite definir ámbitos de colaboración internacional, concretar programas de especializacións comúns, reforzar os sectores estratéxicos, e proxectar un desenvolvemento económico baseado na innovación e na investigación. Na súa intervención, Francisco Conde sinalou que a alianza entre Galicia e Norte de Portugal ten entre as súas prioridades a Industria 4.0 e a Industria da Mobilidade, con respostas baseadas na transformación dixital.

O conselleiro resaltou o traballo que se está realizando dentro do próximo programa marco europeo de innovación Horizonte Europa, centrado en fortalecer as bases científicas e tecnolóxicas da Unión Europea, fomentar a súa competitividade e facer fronte aos grandes desafíos mundiais. Tal e como apuntou Conde, o programa marco centrarase na revolución dixital, a economía circular e a transición cara un modelo de consumo baixo en carbono.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) organiza o Innovation & Manufacturing Brokerage Event, que se celebra hoxe e mañá no Palacio de Congresos de Santiago e que reúne a especialistas procedentes de toda España, Reino Unido, Italia, Grecia, Portugal, Holanda e Polonia.

Realízase en colaboración coa Comissão de Coordinação e Desenvolvemento Regional do Norte de Portugal e a Agência Nacional de Inovação de Portugal, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, e coa colaboración da Vanguard Initiative for New Growth through Smart Specialisation, unha rede de rexións europeas creada para impulsar o crecemento económico e social a través da innovación empresarial e industrial, da que forman parte Galicia e Norte de Portugal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre