Inicio Galicia A Xunta aposta polo uso da madeira na reforma e acondicionamento de...

A Xunta aposta polo uso da madeira na reforma e acondicionamento de comercios e negocios

0
image_gallery.jpg

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou esta mañá en Allariz o proxecto ‘O tempo do corpo’, un espazo para o envellecemento activo e saudable situado nunha casa de labranza tradicional que usa madeira local de castiñeiro e piñeiro para a renovación de portas e fiestras


O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou esta mañá en Allariz o proxecto O tempo do corpo, unha iniciativa impulsada por Nuria Sotelo nunha casa de labranza tradicional na aldea de Amiadoso adicado ao envellecemento activo e saudable. Para acondicionar o espazo, este negocio emprega madeiras locais de castiñeiro e piñeiro nas portas e fiestras da edificación, polo que o director explicou que este proxecto é un exemplo da utilización que negocios e comercios poden facer da madeira e destacou o papel emprendedor que as mulleres están tendo no rural.

Lema lembrou, na súa visita, que a Xunta mantén aberto o prazo ata o 30 de setembro para solicitar axudas do programa destinado a fomentar a construción e o desenvolvemento de productos, proxectos e obras en madeira. Enmarcado no Plan de reactivación económica de Galicia, conta cun orzamento de 1,7M€ e prevé mobilizar máis de 9M€ e apoiar a realización de 170 iniciativas a través das catro liñas de axudas que inclúe. Os apoios están dirixidos tanto a empresas, microempresas e autónomos como persoas físicas, dependendo do tipo de actuación.

Por unha parte, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, ofrece axudas para realizar obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos en madeira. Tamén para a redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

Por outra parte, recóllense apoios a proxectos para o desenvolvemento e fabricación de envases, embalaxes ou expositores realizados con madeira. Unha última liña destínase á redacción de proxectos de execución de novas vivendas unifamiliares ou rehabilitación e reconstrución.

As axudas están en liña coa Axenda da industria forestal 2019-2021 que pretende que os produtos forestais actúen como o elemento central para fomentar a bioeconomía, utilizando a madeira como material de orixe natural, reciclable e reutilizable. Este novo programa de apoios servirá para fomentar a demanda destes produtos, tendo en conta a utilización de elementos locais e tamén a protección medioambiental. Ao mesmo tempo, permitirá beneficiar non só aos promotores e empresas que impulsan os proxectos, senón tamén aos profesionais que os desenvolvan.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre