Inicio Galicia A Xunta aposta polo impulso turístico do concello ourensán de Bande e...

A Xunta aposta polo impulso turístico do concello ourensán de Bande e financia con máis de 48.000 euros a mellora do seu albergue municipal

0

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, comprobou as obras executadas ao abeiro dun convenio asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello


O concello ourensán de Bande, polo seu emprazamento preto do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés e das rutas dos camiños de San Rosendo e da Vía Lusitana que enlazan co Camiño de Santiago, é estratéxico para o turismo e precisa dunhas infraestruturas axeitadas para atender a demanda turística. Por esta razón, a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Bande asinaron un convenio de colaboración, por un importe de 48.400 euros, para realizar obras da contorna do albergue municipal.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde de Bande, José Armada, supervisou esta mañá as obras executadas no albergue, cuxa posta en marcha requiriu que se lle dotase dun aparcadoiro e do acondicionamento do seu exterior, incluíndo a mellora dos seus accesos.

Díaz Mouteira indicou que este albergue suple a limitada oferta para as estadías dos visitantes do concello e comarcas limítrofes, “converténdose nunha das mellores opcións de aloxamento para as persoas que se achegan a descubrir os encantos do parque natural de Baixa Limia- Serra do Xurés. Así mesmo, constitúe un piar fundamental para os peregrinos que escollen algunha das dúas rutas que transcorren por Bande, e que enlazan co Camiño de Santiago”. Neste contexto, a representante do Goberno galego referiuse ao Camiño de San Rosendo, que atravesa a serra do Xurés, pasa por Celanova e enlaza en Ourense co camiño meridional ou Vía da Prata; e á Vía Lusitana, camiño que parte de Vila Real de Santo António no Algarve ata Santiago.

O obxecto desta actuación é mellorar a atención aos peregrinos e visitantes no concello, completando e mellorando a súa oferta de aloxamento, o que repercutirá na mellora da imaxe de Galicia e, nomeadamente, de Bande.

O proxecto incluíu o acondicionamento do pavimento exterior, para mellorar así os seus accesos e a zona de aparcadoiro. Esta zona dotouse dun pavimento de formigón cepillado e para delimitala colocouse tres fiadas de lastra. Ademais, os traballos de mellora tamén consistiron no acondicionamento e embelecemento dos muros existentes.

A delegada territorial explicou que o convenio subscrito polo departamento autonómico dirixido por Román Rodríguez e o Concello supón un apoio ao turismo en Bande e, como consecuencia, na nosa comunidade autónoma, “como factor de desenvolvemento económico das zonas rurais, nas que o entorno natural supón un gran atractivo”.

Neste contexto, a delegada territorial salientou o compromiso da Xunta co impulso turístico dos concellos a través de convenios e numerosas liñas de axudas convocadas anualmente polo departamento autonómico de Turismo, estando en tramitación as correspondentes á convocatoria deste ano.

Díaz Mouteira explicou que en 2018, mediante convenios semellantes ao asinado con Bande, se axudou cunha achega de máis de 881.000 euros a un total de 29 concellos da provincia de Ourense a mellorar infraestruturas turísticas. Así, a colaboración institucional permite garantir que esta infraestrutura municipal destinada a aloxamento turístico ofreza o seu servizo á cidadanía nunhas condicións óptimas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre