Inicio Galicia A Xunta aposta polo emprendemento feminino para acadar a igualdade de oportunidades...

A Xunta aposta polo emprendemento feminino para acadar a igualdade de oportunidades no ámbito laboral

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe un dos proxectos que botou a andar ao abeiro do programa Emega

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que o apoio ao empoderamento económico e social das mulleres a través do fomento do emprendemento feminino contribúe ao obxectivo de acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Alfonso Rueda, acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Tui unha empresa de marketing dixital e de deseño de roupa inspirada no mundo do motor que recibiu financiamento do programa Emega, dentro da liña Emprende destinada a poñer en marcha o negocio e crear emprego. Esta iniciativa empresarial ofrece servizos de deseño gráfico, marketing, comunicación e asesoramento dixital a outras empresas e profesionais da comarca de Pontevedra; ademais de ter creado unha marca de roupa propia.

Segundo palabras do vicepresidente da Xunta, “en Galicia hai moitísimo talento feminino, as mulleres teñen ganas de emprender, poñen ganas, arriscan o seu tempo, moitas veces os seus aforros, necesitan este pequeno empuxe da Administración, ese apoio económico que a veces é a diferenza entre atreverse a comezar ou quedarse sen facer nada, e para iso son estas axudas para axudalas a emprender”.

O programa Emega promove o emprendemento feminino e a consolidación de proxectos constituídos por mulleres co obxectivo de avanzar na igualdade no ámbito laboral sen que existan diferenzas por razón de xénero no desenvolvemento profesional. Tamén favorece o emprendemento desde a innovación mediante o apoio a novas oportunidades de negocio relacionadas coa I+D+i ou as TICs co fin de promover unha maior participación na actividade económica e laboral.

O vicepresidente da Xunta resaltou que a finalidade última desta iniciativa é que aquelas mulleres que teñan unha idea empresarial poidan materializala e, ao mesmo tempo, crear postos de traballo para as mulleres. Co apoio ao talento feminino e ao traballo das mulleres emprendedoras considera que se abren camiños ás nenas e mozas para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria. Para contribuír a que a presenza das mulleres no eido laboral sexa plena e poidan desenvolver a súa actividade empresarial con éxito, Alfonso Rueda sinala a necesidade de traballar tamén na conciliación persoal, familiar e laboral.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre