Inicio Galicia A Xunta aposta pola cooperación institucional e social para garantir unha asistencia...

A Xunta aposta pola cooperación institucional e social para garantir unha asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe no congreso “Medios de comunicación e igualdade: unha mirada crítica ao tratamento da violencia machista” as medidas e recursos do Goberno galego para a protección das vítimas


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe no congreso “Medios de comunicación e igualdade: unha mirada crítica ao tratamento da violencia machista” que a erradicación da violencia de xénero require máxima coordinación e colaboración no marco dun consenso institucional, político e social. O Goberno galego conta neste ámbito cun protocolo de coordinación e cooperación institucional sobre a prevención e protección dos actos de violencia de xénero, así como para garantir unha asistencia integral ás vítimas.

López Abella presentou hoxe as medidas e recursos que o Goberno galego pon a disposición das vítimas de violencia de xénero, neste congreso organizado pola Asociación de Xornalistas de Galicia e que conta co apoio da Xunta a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A Xunta concedeu axudas económicas a 4.165 vítimas de violencia de xénero entre 2009 e 2018 e 635 no que vai de ano, que supuxeron un investimento de 37,1 millóns de euros nos últimos dez anos. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en dispoñer dunha prestación económica periódica e a primeira en poñer en marcha medidas de protección e asistencia integral para os orfos e orfas de vítimas de violencia de xénero, que este ano ademais contan por primeira vez cunha axuda económica.

A secretaria xeral da Igualdade destacou a importancia dos programas de inserción laboral destinados ás vítimas para recuperar a súa autonomía como a orde de axudas anuais da Xunta ás entidades de iniciativa social, que nos últimos dez anos permitiron a incorporación a un posto de traballo de 289 mulleres grazas a un investimento de 2,6 millóns de euros.

Na mesma liña, a Administración autonómica fomenta a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero nas entidades locais con outra convocatoria á que dedicou este ano case 1,6 millóns de euros. Estas axudas permitiron este exercicio a contratación de 79 vítimas en 12 concellos galegos.

A maiores das axudas económicas, a Xunta pon á disposición das vítimas o programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero, así como aos menores ou persoas dependentes ao seu cargo. O Goberno galego investiu 1,6 millóns de euros na última década nesta iniciativa, a través da cal se prestou atención a 5.574 persoas.

No ámbito dos recursos dispoñibles para axudar ás vítimas, Galicia conta cunha Rede de acollemento con cinco centros de acollida en A Coruña, Ferrol, Culleredo, Lugo e Ourense, así como o Centro de Emerxencia de Vigo, nos que se investiron desde 2009 uns 2,6 millóns de euros e que acolleron a 2.725 persoas. López Abella resaltou tamén o traballo dos 82 Centros de Información á Muller (CIM) e do Centro de Recuperación Integral (CRI).

Este ano ademais púxose en marcha por primeira vez a primeira casa de acollida en España para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental en Burela e a Xunta colabora coa organización Aliad Ultreia na vivenda tutelada para mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual en Lugo.

Na súa intervención, lembrou que as vítimas de violencia de xénero contan co teléfono de información ás mulleres (900400273), conveniado co 016, así como a aplicación móbil Escapp de apoio ás vítimas e Agresión OFF sobre as agresións sexuais.

Algunhas das medidas anteriores enmárcanse no desenvolvemento Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que inclúe actuacións de prevención e sensibilización nos ámbitos educativo, sanitario, social, deportivo ou asociativo, entre outros. Entre as iniciativas xa implantadas destacan a quenda de garda psicolóxica e social ou a extensión do bono alugueiro a todas as vítimas no programa de vivenda de alugueiro.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre