Inicio Galicia A Xunta apoia sete proxectos de eficiencia enerxética e renovables na Universidade...

A Xunta apoia sete proxectos de eficiencia enerxética e renovables na Universidade de Vigo que permitirán un aforro anual de 280.000 euros na factura eléctrica

0

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou hoxe en Vigo, xunto co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, as iniciativas que se realizarán nos edificios

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou esta mañá, xunto co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, dos proxectos en materia de eficiencia enerxética e renovables que esta institución desenvolverá grazas ás axudas promovidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de impulsar iniciativas neste eido nas universidades galegas. Deste xeito, a Xunta avanza no seu obxectivo de contar cunha Galicia máis verde.

En concreto, desenvolveranse un total de sete proxectos na Universidade de Vigo cun apoio de 2,28M€. Os edificios que verán mellorada a súa eficiencia enerxética son a Biblioteca central e o edificio Filomena Dato, nos que se realizarán renovacións da iluminación con led e melloras de climatización; a Escola de Enxeñaría Industrial e a Escola de Enerxía e Minas coa renovación led e proxectos de fotovoltaica; a facultade de Ciencias Económicas na que se renovarán as caldeiras e se levará a cabo un tratamento de climatización; a instalación dunha rede de produción e distribución de biomasa na facultade de Ciencias Sociais e da Educación e Deporte (no campus de Pontevedra) e a instalación de xeotermia, vinilos solares e alumeado led no edificio Ferro situado no campus de Ourense.

De entre eles, destaca a actuación que se desenvolverá no Campus de Pontevedra que consistirá na instalación dunha rede de distribución de biomasa que subministrará enerxía térmica desde unha sala de caldeiras centralizada á facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e á de Ciencias da Educación e do Deporte. Cunha axuda de 624.360 euros, a rede terá unha lonxitude de 340 metros e unha potencia de 2MW.

Estas actuacións, cun investimento final de 2,86M€, permitirán á Universidade un aforro enerxético anual de 3,2GWh/ano, de 280.000 euros na factura anual de electricidade, ademais de evitar a emisión de 1600 toneladas de CO2 ao ano e xerar 18 empregos.

En total, a nivel autonómico, a Xunta destina 5,9M€ ao conxunto das universidades galegas para o impulso de 18 proxectos -16 de aforro e eficiencia enerxética e 2 de enerxías renovables- que permitirán rebaixar a factura eléctrica anual en 640.000 euros.

Con esta nova medida, o Goberno galego continúa a súa aposta polas enerxías renovables e por implantar unha cultura do aforro enerxético en todos os eidos, desde os cidadáns, ás empresas, pasando polas administracións. As axudas enmárcanse no Plan de aforro e eficiencia enerxética da administración pública 2015-2020 e está aliñada coas Directrices Enerxéticas de Galicia.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre