Inicio Galicia A Xunta apoia os programas de inserción sociolaboral de dez entidades destinados...

A Xunta apoia os programas de inserción sociolaboral de dez entidades destinados a mulleres en situación de violencia de xénero

0
image_gallery.jpg

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas para o desenvolvemento destas iniciativas que son personalizadas para favorecer a integración destas mulleres


Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas a entidades sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas personalizados que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia. Un total de dez entidades beneficiaranse destes apoios aos que a Xunta destinou un total de 635.168 euros para dous anos no marco do desenvolvemento das medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Con estas axudas preténdese poñer en marcha accións que favorezan a inserción sociolaboral das mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de desemprego, coa finalidade de que poidan acceder ao mercado laboral, aspecto clave para avanzar na súa recuperación. Trátase de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

Entre as accións que reciben apoio inclúense o deseño de itinerarios específicos que aborden un plan de acción personalizado para a busca de emprego de cada muller participante e accións específicas que favorezan a súa inserción laboral.

As mulleres que viven ou viviron situacións de violencia de xénero precisan dotarse das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica, no caso de que esta non existise, polo que a Xunta, por medio da Consellería de Emprego e Igualdade, está a arbitrar os mecanismos necesarios para lles facilitar esa integración social e laboral.

O acceso ao emprego das mulleres vítimas de violencia de xénero representa un paso fundamental para lograr unha maior autonomía e aumento da autoestima, ao acadar a independencia económica contribuíndo á súa plena integración na vida económica e social.

Para atender a estas necesidades, a Xunta dedica nos anos 2020 e 2021 un total de 635.168 euros a apoiar estes programas, correspondendo 159.007 euros a 2020 e 476.160 euros ao exercicio 2021. Esta contía finánciase a través dos orzamentos xerais que o Estado destina ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

As dez entidades que resultaron beneficiarias na presente convocatoria -situadas na Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo e Boiro- son: Asociación de Empresarios de Mos, Fundación CIP, Ecos do Sur, Cimo entidade prestadora de servizos, a Asociación de Empresarios de Transporte de Mercancías por Carretera (Apetamcor), Asociación de Xoves Emprendedores Lugueses (AXEL), asociación Amicos, Fundación Nortempo, Fundación Impulsa para o desenvolvemento do emprego e a integración social e Fundación Amigos de Galicia.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre