Inicio Galicia A Xunta apoia o esforzo do sector TIC para avanzar na internacionalización...

A Xunta apoia o esforzo do sector TIC para avanzar na internacionalización das pemes galegas

0

O director do Igape, Juan Cividanes, interveu na apertura dunha xornada técnica con oito empresas mexicanas e chilenas promovida polo Clúster TIC e apoiada polo programa Galicia Exporta


O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe en Santiago de Compostela, na xornada técnica promovida polo Clúster TIC, que o esforzo deste sector é clave para facilitar a mellora da competitividade das empresas galegas en xeral, facendo máis doado o camiño cara á Industria 4.0, e reforzando os avances na internacionalización do tecido produtivo.

Cividanes interveu na apertura dos encontros que forman parte da misión comercial inversa apoiada polo programa Galicia Exporta que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que dá continuidade á delegación internacional que o pasado mes de maio visitou Galicia. Durante esta semana, seis compañías de México e dúas Chile -punteiras na fabricación e distribución de moda, industria retail e alimentaria e no sector das telecomunicacións- manterán encontros bilaterais e de networking con empresas do sector TIC galego.

Ademais de subliñar que o impulso transversal do sector TIC é clave para adaptar o resto dos ámbitos produtivos estratéxicos galegos á implantación da fábrica intelixente e ás tecnoloxías emerxentes, que a Xunta promove ao abeiro da Axenda 4.0, Cividanes resaltou a boa evolución da presenza exterior das empresas galegas desta industria, e lembrou que accións como esta do sector reforzan a proxección exterior das pemes galegas no seu conxunto.

O director do Igape subliñou que en 2018 exportaron aos dous países participantes na misión comercial 825 empresas galegas por importe de 445,98 millóns de euros, e destacou o incremento que rexistraron as vendas a Chile, cun ascenso do 29% con respecto a 2017. No que respecta a 2019, ata agosto, as exportacións a ese destino e a México acadaron un valor de 269,11 millóns de euros.

Con preto de 18 millóns de euros en exportacións a México, este é actualmente o primeiro país estratéxico de América Latina para as empresas TIC galegas. De feito, hai xa 20 compañías socias do Clúster TIC que teñen sede en ese destino, e outras oito están focalizando as súas vendas cara el. Nos primeiros oito meses de 2019, exportaron ao país centroamericano preto de 399 empresas galegas por importe de 151,91 millóns de euros. Por outra banda, as exportacións do sector TIC galego a Chile acadaron os 8,9 millóns de euros o pasado ano.

Durante a xornada de hoxe as oito empresas mexicanas e chilenas que integran a delegación comercial realizaron exposicións técnicas, ás que seguiron presentacións das pemes que integran o Clúster TIC e dos centros tecnolóxicos galegos que traballan no eido da I+D+i. Finalmente, todas as compañías tiveron oportunidade de establecer encontros bilaterais para propiciar a cooperación e posibles acordos tecnolóxicos e comerciais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre